Opinión

Patria, Matria, Fratria

Aínda que se aplique directamente no que atinxe á arquitectura definindo esta como unha sorte de “linguaxe da inmobilidade substancial” (Juan Borchers)

Aínda que se aplique directamente no que atinxe á arquitectura definindo esta como unha sorte de “linguaxe da inmobilidade substancial” (Juan Borchers), tamén no ámbito humano da linguaxe existen fixacións que demostran a existencia dun sistema lingüístico de carácter androcéntrico, edificado sobre os piares e os parámetros dun “universal masculino” ou dun “masculino xenérico”. E velaí, por exemplo, o imposto e impostado núcleo sintáctico Patria. Porque a palabra “Patria” obtense por derivación da palabra xurídica latina “Pater”, vinculada ao dereito romano —como ben nos lembra o profesor Taracena Arriola— como valor moral supremo da autoridade. Mais tamén é certo que no común das linguas latinas a palabra Patria, asociada posteriormente ao lugar de nacemento ou “terra natal”, acabará por incorporar indefectibelmente o xénero gramatical feminino: “Allons enfants de la Patrie (...) Amour sacré de la Patrie” (Rouget de Lisle, 1792). E non nos refiramos xa ao lema español, puramente político e unificador, “Todo por la Patria”, que xa resoa marcial á altura do ano 1812.

"Eu prefiro, debo recoñecelo, o termo e o concepto de Fratria. Un concepto de Fratria actualizado. En construción positiva"

A palabra Matria, oportunamente reivindicada na actualidade en diversos planos, atinxe —velaí o que afirma Julia Kristeva— o valor de “outro espazo” ou “ese espazo outro”, un lugar interior no que as mulleres, auto identificadas como tales, poden ser e estar, poden ser “creadoras”, sen deixar de establecer e cultivar tamén un vínculo coa terra. O termo Matria, como se sabe, foi utilizado por autoras como Virginia Woolf ou Christa Wolf; e unha filósofa e escritora como Victoria Sendón manifesta o seu asombro por como se ten consensuado unha palabra de raíces tan masculinas como “patria” para definir unha realidade tan referida á terra e á nai. E lembra esta pensadora do “feminismo integral” como a Matria, tantas veces tinxida de saudade, é evocada polos poetas en lingua galega e portuguesa. ¿Acaso nós, galegas e galegos, non falamos, ateigados de afectividade, da Terra-Nai? ¿Da nosa Matria? Edgar Morin, algo saturnino el, tamén falou de Matria para se referir a Europa e Unamuno —cousas veremos— utilizaba este termo para se referir á Matria vasca. Mais Victoria Sendón, xa dende unha perspectiva nidiamente filosófica, fala da Matria como “vida que flúe”: unha dimensión do diferente que se rebela contra a repetición do mesmo e que se constitúe como “horizonte do posíbel”. E lean desta autora os puristas un artigo titulado “La genoma humana”.

Certo é que existiu —demóstrao Victoria Sau, autora dun “Diccionario ideológico feminista”— un período histórico previo ao patriarcado, a “matrística”, mais tamén é certo que con posterioridade a figura da nai ten sido rebaixada a funcionaria do pai (Rosalía Romero), realidade esta en boa parte hoxe felizmente superada. Mais a Patria, como concepto político activo, continúa na actualidade a realizar o seu percorrido imposto e impostado: moitas veces en forma de certa masculinidade patriarcal concibida ou entendida mesmo como estrutura ideolóxica. Por iso eu prefiro, debo recoñecelo, o termo e o concepto de Fratria. Un concepto de Fratria actualizado. En construción positiva. Fratria entendida como “unión entre irmáns e irmás”. Non como “sector dunha tribo”. Fratria entendida, a día de hoxe, como Fraternidade, como Irmandade. Foi Aspasia, por certo —lémbrao Antoni Domenech citando a Platón—, quen usou por primeira vez a metáfora política da Fraternidade (século V a. C.), entendida esta como universalización da liberdade e da igualdade republicanas. Reparemos ben nisto. E citemos aquí, como colofón, ao gran cantante, poeta e activista brasileiro de esquerdas Caetano Veloso, quen na súa canción titulada “Lingua” di con asertiva claridade: “Eu não tenho pátria: tenho mátria. E quero frátria”. 
 

Comentarios