Opinión

Notas ao vivo: Violencia e violacións (13)

O senador arxentino Rodolfo Urtubey, peronista do Partido Justicialista, afirmou que existen casos de violación a mulleres nos que “non se pode falar de violencia”. E este señor, seica, é avogado pola Universidade Católica de Salta e ex xuíz nacional integrante do Tribunal Oral no Criminal Nº 13 da Arxentina. Eu recordo tamén o caso do deputado fascista brasileiro Jair Messias Bolsonaro, quen nunha sesión parlamentar espetoulle a unha deputada que “não merecia ser estrupada”. O tal Bolsonaro, por certo, é candidato nas próximas eleccións presidenciais do Brasil, e sitúase nun 15% en intención de voto con Lula da Silva tamén como candidato.

A palabra “violencia”, como se sabe, vén do latín “violentia” (“vis”: forza e “olentus”: abundancia), e de aí “violación” ou “violar”, claramente unha acción de “terrorismo sexual”, como se ten denominado. A antropóloga Rita Segato entende a violación como un acto de poder e de dominación, porque o crime sexual é un crime de poder, e os avogados e xuíces —afirma— non están formados, non teñen educación suficiente para entender o concepto de “crime sexual”. Para a xustiza española, no caso da “Manada”, non houbo “violencia ou intimidación que integran o concepto normativo de agresión”, aínda que o Código Penal sinale que violar é utilizar forza, violencia contra a persoa violada e/ou intimidala para acceder sexualmente a ela. ¿Acaso a vítima da Manada non foi intimidada, atemorizada e aterrorizada até o punto de entrar en shock emocional? ¿Pode entenderse iso sen violencia? ¿Non viron os xuíces aí un crime de poder e dominación?

A actriz Natalie Portman, valente e lúcida, si soubo ver —así o expresou— “terrorismo sexual” en Hollywood dende que atinxiu a fama con tan só 13 anos. A actriz israelí, como tantas outras actrices, denunciou a existencia dun terrorismo machista pleno e actuante, e axiña floreceron as críticas por utilizar o termo “terrorista” aplicado aos casos de violación sexual. O patriarcado, como organización social, e como mentalidade vixente, ve con certa naturalidade a violencia doméstica, o acoso sexual e a violación da muller. Son numerosos os tribunais, maioritariamente masculinos, que en casos de violación atopan sempre “atenuantes” en supostas provocacións por parte da vítima.

Mais o certo é que cada oito horas unha muller é violada en España. E só se denuncia unha violación sexual de cada seis acontecidas. Superado o silencio estatístico agora sábese que máis de 1 millón setecentas mil mulleres e nenas que viven en España sufriron unha agresión sexual algunha vez na súa vida. Nos anuarios do Ministerio de Interior só existen datos a partir do ano 2008. A violencia sexual, o terrorismo sexual, é un delito que, a pesar de todo, segue a permanecer oculto. Mais sábese, iso si, que as violacións aumentaron en España un 10% no ano 2017 e no que vai de 2018 (Balance de Criminalidade publicado polo Ministerio de Interior) produciuse un aumento do 28,4% con respecto ao mesmo período do ano anterior. E só se reflicten neste caso os crimes sexuais violentos que son informados á policía.

A todos os que negan a violencia das violacións (tantos xuíces) e o terrorismo sexual existente nesta nosa tétrica sociedade, conviríalles saber que “unha muller violada está emocionalmente morta” (Anne Mumima). Mais esa forma terríbel de morte segue a ser, aínda no século XXI, invisíbel.

Comentarios