Opinión

Notas ao vivo: A violencia fascista (44)

 

O pasado 7 de marzo tiña lugar en Ferrol unha brutal agresión a un militante independentista galego protagonizada por un grupo organizado de fascistas. O diagnóstico médico fala neste caso de diversas fracturas e fisuras óseas na cabeza, ademais de numerosos hematomas. En decembro de 2018 tamén se produciu unha agresión fascista en Pontevedra, nesta ocasión a un mozo que lucía unha camisola coa bandeira nacionalista galega. Mais debemos saber que a maioría dos ataques, altercados ou ofensas de carácter fascista, puros “discursos de odio”, non se denuncian ou fican silenciados sen máis. Segundo datos ofrecidos pola entidade estatal “Movimiento contra la Intolerancia”, cada ano os grupos fascistas levan a cabo no Reino de España máis de 4.000 actos de agresións e incidentes varios que se concretan en delitos de odio racial, xenofobia e outras formas de intolerancia criminal.

 

No ano 2017, con datos na man, producíronse graves agresións fascistas denunciadas e probadas, entre outros territorios, en Valencia (87), Catalunya (83), Madrid (82), Andalucía (59) e Euskadi (40), e este tipo de accións aumentaron notabelmente no ano 2018 no conxunto do Estado. Como ben nos lembra Leonardo Boff, o fascismo sempre foi criminal e utiliza a violencia como forma de relacionarse coa sociedade, sendo ademais a maior perversión da sociabilidade humana. E eu tamén estou de acordo co profesor Ferran Gallego, da UAB, cando afirma que no que é ontoloxicamente diferente o fascismo do resto de proxectos políticos é no papel da violencia: “No exercicio da violencia, o fascista intégrase nunha comunidade que toma conciencia da súa propia forza, da súa vontade de poder, e disciplínase a través da destrución do adversario”.

 

Ou digámolo doutro xeito, e á luz das últimas agresións fascistas producidas en Galiza e no Estado español: o exercicio da violencia forma parte do código xenético fascista. Dende a perspectiva psicolóxica, e partindo das ideas iniciais de Wilhelm Reich na súa obra “A psicoloxía de masas do fascismo”, os fascistas aprenden a proxectar inconscientemente o seu auto-odio —un dos resultados da súa propia vitimización— como odio cara os que están nos ‘grupos marxinais’, e todo acto de violencia permítelles liberar de maneira explosiva os sentimentos reprimidos, posuíndo ademais unha crenza ilusoria na eficacia e moralidade da violencia. Por iso son tan extremadamente perigosos.

 

Como dicía Clara Zetkin, xa nun lonxano 1923, unha das características do fascismo é a aplicación da violencia máis brutal. E, na actualidade, o fascismo, coa súa violencia directa e inmediata e coa súa violencia política estrutural, xa está aquí. Parafraseando ao profesor Santos Juliá, o fascismo —vexamos a realidade actual— segue a ser unha chamada permanente á violencia como arma para a construción (e a reconstrución incesante) do Estado.

 

Comentarios