Opinión

Notas ao vivo: As verdades de Chomsky (68)

Leva moitos anos Noam Chomsky —un dos pais da lingüística moderna e un dos críticos máis activos do capitalismo e das políticas internas e externas que levan a cabo os EE UU— dicindo verdades coma puños. Este socialista libertario ou anarco comunista, profesor emérito do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, vaticinou no seu día a vitoria de Donald Trump explicando que a popularidade política do magnate debíase ao “medo” que se produce como resultado dunha sociedade quebrada polo neoliberalismo. Porque o neoliberalismo, con corenta anos ás súas costas, e da man de Ronald Reagan e Margaret Thatcher, permitiu —lémbrao Chomsky— unha concentración acentuada de riqueza en mans privadas, o que produciu unha perda de poder da poboación xeral, cunha vida cada vez máis precaria e con traballos cada vez peores.

Chomsky non dubida en afirmar, por outra banda, que a fórmula da mentira vén sendo utilizada dende hai máis de un século polos grandes monopolios de conciencias para someter o ser social a través da comunicación, invocando a democracia —como ben lembra o profesor Carlos Rafael Diéguez— cunha linguaxe que alude ás peores prácticas co obxectivo de domesticar (isto tamén o dicía Manuel María) o “rabaño do planeta”. E Chomsky pon sobre a mesa, a estes efectos, o papel dos medios de comunicación na política contemporánea para obrigarnos a preguntar polo tipo de mundo e de sociedade no que queremos vivir, e que modelo de democracia queremos para esta sociedade.

O Chomsky analista social e pensador —un dos máis influíntes do século XX e do tempo actual— non ten pelos na lingua, por exemplo, para afirmar que América Latina, cando estaba baixo o control dos EE UU, era un centro global de tortura, ou para denunciar que a Axencia Central de Intelixencia estadounidense (CIA) era un dos principais apoios co que contaban os soldados mercenarios que levaban a cabo unha loita sen cuartel contra o Goberno de Siria.

Mais o Chomsky lingüista, o explorador da mente humana (ciencia cognitiva), foi, en palabras de José-Luis Mendívil, capaz de cambiar a nosa forma de pensar en nós mesmos, ocupando na historia do pensamento e da ciencia un lugar á altura de Darwin, Descartes, Einstein ou Freud. E isto resulta incuestionábel. Por iso unha boa parte do “establishment” académico non atura o Chomsky político, o activista social, o intelectual comprometido que canta as verdades. “O principal preso político no mundo é Lula da Silva”. “Jordi Cuixart é un preso político. Reivindicar un referendo non pode ser considerado rebelión”. “Nos EE UU as eleccións mércanse. Un congresista pasa cinco horas ao día cos que lle poñen o diñeiro nas mans”.

Comentarios