Opinión

Notas ao vivo: Contra o sectarismo (4)

Ampliemos o título: contra o sectarismo na política e os seus mundos. E lembro aquí, fiando as primeiras palabras destas Notas, un libro de Carlos Taibo titulado precisamente Izquierda Unida y sus mundos. Todo o que escribe Carlos Taibo é interesante, e nesta ocasión bateu en min ese “y sus mundos” do título. E tamén pensei, case ao mesmo tempo, na teoría dos tres mundos de Mao Tse Tung, poeta benquerido por Uxío Novoneyra, que falaba del con afecto e coñecemento.

Contra o sectarismo na política e os seus mundos, pois. Sectarismo que debemos entender como unha forma de defender e seguir con fanatismo unha idea ou doutrina sen admitir crítica ningunha, pois a persoa fanática, ou o grupo fanático, considera que os “outros”, os de “fóra”, ou están directamente corrompidos, pois non posúen a verdade única e válida, ou son directamente o inimigo. Ou dito doutro xeito e índomos ao terreo da “sabedoría védica”: a verdade suprema é a que sabe realmente quen é quen e quen non o é, ou en que situación ou posición está alguén. E aplíquese isto, que ten data na fase máis moderna da “era védica” (600 anos antes de C.), aos tempos actuais. Resulta perfectamente válido.

É de manual que as persoas sectarias adoitan ter a verdade absoluta, que só elas coñecen, teorizan e administran. Por outra banda, estas persoas, aínda que non teñan plena conciencia de tal, constitúense como suxeitos iluminados por algo perfecto e definitivo, categórico e terminante, que admite pouca discusión ou ningunha: o respecto, mesmo no plano dialéctico, cara o outro desaparece. E por iso o carácter sectario acabará obtendo un certo “pracer” -e estamos xa diante dun problema de índole psicolóxica, que pode transformarse en patoloxía individual e social- cando a tensión propia dese carácter produce separación, afastamento ou división, porque na mente sectaria (tantas veces “relixiosa”, e tamén “política”) predomina un sentimento de exclusividade.

Sería de gran proveito lermos, do A ao Z, un ensaio do profesor e historiador arxentino Omar Acha titulado precisamente (existe versión portuguesa): A ‘seita’ como problemático conceito na cultura política da esquerda: notas para unha exploração. O autor, que defende que o termo “seita” e as súas connotacións se teñen desprazado do terreo relixioso ao ámbito político, define a “seita política” como “un grupúsculo ensimesmado na alucinación auto-designada para acometer salvacións enigmáticas”. E engade o noso historiador-filósofo que este tipo de seitas políticas precisan confirmar, no seu illamento e condición minoritaria, unha sorte de vangardismo, ao mesmo tempo que na súa “identidade inmaculada” atopan os seus inimigos declarados nos grupos ideolóxicos máis próximos. Talmente. Tanto Marx coma Engels deixaron sentado que as seitas das esquerdas e os seus mundos, tantas veces utópicos, acaban por converterse en “reaccionarias”, e unha Enciclopedia do Marxismo que anda pola miña casa di ben ás claras que o sectario “enfatiza a verdade absoluta do seu principio sobre calquer outro, atopa en cada pequeno desacordo a semente dunha diferenza fundamental, olla no seu rival máis próximo o seu inimigo máis odiado, coloca a pureza do dogma sobre a vantaxe táctica, rexeita o compromiso ou modificar as súas metas e séntese fachendoso de estar en contracorrente”. E sentenza finalmente: o sectarismo é a quebra da solidariedade.

Tanto Marx coma Engels deixaron sentado que as seitas das esquerdas e os seus mundos, tantas veces utópicos, acaban por converterse en “reaccionarias”

 

“Só a creatividade das masas pode acometer a súa propia emancipación”, seica referiu Rosa Luxemburg. Porque o esquerdismo polo esquerdismo, alguén o ten afirmado, só é quen de parir fillos ou fillas “desviacionistas”: voluntarismo, sectarismo, dogmatismo e subxectivismo de vangarda ou de masas. “Modelos teóricos puros que non encaixan sobre unha realidade dialéctica”. Como ben di o economista, membro do Bloco de Esquerda e actualmente Conselleiro de Estado de Portugal, Francisco Louçã, “o sectarismo é um suplício”. E outro día falaremos das tribos, dos clans e das “campás de cristal”.
 

Comentarios