Opinión

Notas ao vivo: Realidade e información (51)

Dende unha perspectiva xenética, permítanme certo desprazamento metonímico partindo das ideas do xenetista francés Antoine Danchin, os seres vivos serían “sistemas complexos” movidos pola información, e esta última sería o motor da vida. ¿E que sería a información no sentido propiamente xornalístico, diario, cotiá, é dicir, todo o que lemos ou escoitamos sobre a realidade? Tal vez ninguén mellor que un filósofo, Norbert Bilbeny, para pór algo de luz sobre o tema: a fin derradeira do xornalismo sería fornecer á cidadanía os elementos precisos cos que poder emitir xuízos sobre os problemas do seu tempo. ¿Cúmprese isto? Alfons Cornella creou o neoloxismo “infoxicación”, que el mesmo define como o exceso de información: non poder profundar en nada, e saltar dunha cousa a outra.

Mais fagamos o seguinte experimento. Leamos e escolmemos algunhas das noticias que figuran nun número determinado de xornais, no tempo dun día, que son ou poden ser para nós interesantes en si mesmas. Deste xeito construiremos a nosa propia realidade e transparentarase un certo xeito de ideoloxía ou conxunto de ideas que lle darán sentido, coherente e racional, á realidade, neste caso, inmediata e individual, mais tamén social.

Vexamos. 1. Adega e Mariña Patrimonio denuncian a Xunta de Galicia por unha queima sobre un petróglifo na Serra do Xistral. Os danos producidos na zona arqueolóxica do lugar do Chao do Sinás son “responsabilidade” da propia Xunta, puro desleixo e incompetencia, pois este espazo arqueolóxico está catalogado e protexido pola Xunta en cuestión. 2. A casa do poeta e premio Nobel Vicente Aleixandre, situada na madrileña rúa Velintonia, sofre a día de hoxe o maior dos abandonos, estando totalmente esquecida e ameazada de ruína. ¿Sería isto posíbel en Francia ou no Reino Unido da Gran Bretaña? A sensibilidade do Partido Popular na Comunidade de Madrid, que definiu a casa do poeta como un “conjunto de ladrillos y paredes”, é unha exhibición de incultura, ignominia e desprezo polo patrimonio histórico e cultural. 3. Nos tres primeiros meses do ano no que estamos, segundo datos do Ministerio do Interior alemán, foron deportados de Alemaña cando menos 5.613 migrantes. No conxunto do ano 2018 foron deportadas, expulsadas, arredor de 24.000 persoas. E un 86% dos alemáns móstrase favorábel ás deportacións forzosas de inmigrantes. Pensemos e fagamos historia.

Parafraseando a Wittgenstein, na filosofía, na realidade, o interrogante “para que usamos realmente tal palabra, tal proposición” lévanos unha e outra vez a valiosos esclarecementos. E podemos “ler” a realidade e manexar a información como fixo en todo momento o fotógrafo Sebastião Salgado, quen é capaz de mostrar a realidade do mundo seguindo os pasos da humanidade.

Comentarios