Opinión

Notas ao vivo: A realidade imposta (37)

 

Cando a maioría das televisións convertían a traxedia e morte do neno Julen en espectáculo e en negocio, case ao mesmo tempo esas mesmas televisións mantiñan poderosas campañas de manipulación e de desinformación no relativo aos últimos acontecementos arredor de Venezuela. A “realidade do mundo”, lémbranos Gianni Vattimo, é algo que se constitúe como contexto de múltiples fabulacións e o que perturba e alarma ao home, avísanos Epícteto, non son as cousas, senón as súas opinións e figuracións das cousas.

 

O certo é que a inmensa maioría dos medios de comunicación de masas no mundo que vivimos actúan como instrumentos altoparlantes dos poderes establecidos, mantendo así formas diversas de dominación e de imposición de “contidos” sobre as colectividades humanas. Na actualidade, como ben se sabe, só 7 grandes corporacións transnacionais da información son capaces de xerar practicamente o 90% do volume e do espazo comunicacional en todo o mundo. ¿E a quen representan estas corporacións mediáticas? A resposta é ben doada: ao capitalismo corporativo ou a esa especie de ditadura que o politólogo estadounidense Sheldon Wolin definiu como “totalitarismo invertido”.

 

Como o mesmo Wolin manifesta, referíndose aos EE UU mais perfectamente extrapolábel ao noso ámbito, “un non pode sinalar ningunha institución nacional que poida describirse con precisión como democrática: dende logo non nas eleccións altamente administradas e saturadas de diñeiro, no Congreso infestado de grupos de presión, na presidencia imperial, no sistema xudicial e penal clasista ou nos propios medios de comunicación”. E non esquezamos, ao fío do que acontece, aquel documento emitido polo Pentágono titulado “O rostro cambiante da guerra, cara á cuarta xeración” (1989), puntualizado posteriormente por Martín Van Creved afirmando que as tácticas e estratexias militares foran substituídas por tácticas e estratexias de control social, mediante a manipulación informativa e a acción psicolóxica orientada a direccionar a conduta social masiva.

 

E nesas estamos. Aquí e en Venezuela. Como aconteceu tamén no Brasil recentemente. A realidade da manipulación imponse. E vén de lonxe. Porque eu nunca esquecerei aquel desprezábel aventureiro estadounidense, William Walter, representante dos banqueiros Morgan e Garrison, quen, despois de invadir Nicaragua (1855), se autoproclamou presidente dese país. Como faría do mesmo xeito, con posterioridade, invasión militar polo medio, con O Salvador e con Honduras, nacións das que tamén se proclamou presidente. Puro esperpento histórico.

 

Na actualidade, en definitiva, o consumo que se realiza dos medios de información e de comunicación, coa TV e certos formatos de “redes sociais” á cabeza, provoca a formación de opinións correntes, estereotipadas e clónicas. Os medios de comunicación maioritarios están aquí e agora para manipular e dirixir a opinión pública. Como escribía no século pasado o escritor estadounidense Herbert Schiller, os procesos de concentración e de transnacionalización dos “mass media” teñen convertido a comunicación e a información en negocio seguro, tanto polos seus beneficios como pola súa capacidade para influír sobre a poboación mundial.

 

Como no “1984” de Orwell, as elites no poder convértense hoxe en día en entidades produtoras de “realidade”: dunha realidade imposta, ficticia, logorreica, adulterada e falaz. O que Castoriadis denominaba “heteronomía”, que non é outra cousa que o sometemento da vontade propia á vontade (realidade) dos que imperan e dominan.

 

Comentarios