Opinión

Notas ao vivo: Putrefacción (11)

“Hai algo que está podre en Dinamarca/ e fede que alcatrea dende sempre”, din os versos de Celso Emilio Ferreiro, que son espello xusto da frase pronunciada —“Algo está podre en Dinamarca”— por un dos gardas de Elsinor, Marcelo, na traxedia das traxedias que é o Hamlet de Shakespeare. Como ben di Eduardo Rinesi, autor dun libro memorábel, Política y tragedia. Hamlet, entre Hobbes y Maquiavelo, a imaxe da putrefacción, da corrupción, da infección das cousas, dos corpos e do propio Estado, constitúe o cerne da traxedia do Príncipe de Dinamarca. 

Xa hai uns anos o xornal británico Financial Times sinalaba, referíndose ao Reino de España, que case todas as súas institucións, dende a monarquía até o poder xudicial, amosaban “sinais de putrefacción”. Textual. E, ao fío disto, eu lembro a exposición realizada en Londres polo pintor andaluz Andrés García Ibáñez, que, presentada co título “Los putrefactos”, levaba a cabo unha crítica, dende a estética pictórica, a “todo lo que olía a sacristía, a ejército, a poder político corrompido”. Unha crítica en toda regra ao estado da cuestión no Reino de España, onde a exposición do artista almeriense, porque a censura existe, nunca tivo lugar.

A putrefacción —Louis Pasteur dixit— “c’est la vie sans air”. E é ben certo que pode existir un estado de putrefacción —moral e política— con durabilidade no tempo e no medio de altos niveis de hipocrisía e impunidade. Velaí o caso español. Corrupción e putrefacción institucionalizada. No executivo, no lexislativo e nunha boa parte do xudicial. Como di o economista Juan M. Blanco, non é que o sistema sexa corrupto, é que a corrupción é o sistema. E eu teño visto escrito nalgún lugar o termo “franquismocracia”. “Tiempo de bobos”, como dicía Pérez Galdós, que permite que existan 40 familias en España que posúen un patrimonio superior aos mil millóns de euros; sendo ademais que só nun ano, segundo datos de Intermón, teñen aparecido 7.000 novos millonarios, practicamente 20 ao día. E iso cando 500.000 fogares sofren pobreza severa e case 2 millóns de nenos pasan fame ou reciben unha nutrición deficiente. Xulguen vostedes.

A putrefacción existe porque en pouco máis dunha década do século XXI se teñen producido en España máis de 2.000 grandes casos de corrupción. E todo segue o seu curso, aínda que algúns corruptos criminais —caso de Iñaki Urdangarín, “traballador” da Casa Real— teñan visitado a cadea ou permanezan neste intre nela. Até Baltasar Garzón (El fango. Cuarenta años de corrupción en España, 2015) recoñece que existe en España unha corrupción sistémica dende a ditadura franquista até a actualidade, no mundo da política, na banca, na policía, na Igrexa católica, na Xustiza, nos medios de comunicación e na Familia Real. Xa o deixou dito Federico García Lorca, asasinado polo fascismo franquista: “País de negruras, de fuego y horror. Apoteosis de la imbecilidad dirigida por curas lujuriosos, toreros, chulos, prostitutas sin alma, ladrones de frac e ignorantes de fe”. O retrato segue a manter unha palmaria vixencia.

Comentarios