Opinión

Notas ao vivo: Poesía galega medieval (45)

Lembro que nunha conferencia pronunciada na Universidade La Sapienza de Roma sobre poesía galega —disto hai xa ben anos, e coido que a Lectora de Galego en dita universidade era a profesora Inmaculada Otero Varela—, tiven a fortuna inesperada de contar entre o público co profesor Giuseppe Tavani, que era catedrático de Filoloxía Románica na universidade romana. Eu, na miña intervención, utilizara o sintagma “poesía medieval galego-portuguesa”, seguindo, por certo, a obra do propio Tavani, autor dun rigoroso estudo de máis de trescentas páxinas titulado precisamente “Poesía lírica galego-portuguesa” (1991) No coloquio posterior á miña disertación, o profesor Tavani díxome con toda cordialidade que era moito mellor e máis exacto utilizar as formas “poesía galega medieval” ou “poesía medieval galega”. E así o fixen, sempre, dende aquela.

Agora que o grande sabio Giuseppe Tavani (1924-22 de marzo de 2019) nos acaba de deixar, eu lembro a súa amabilidade persoal, a súa elegancia académica e o seu amor pola nosa literatura e polo noso país. Amor e coñecemento literario que Tavani, por certo, tamén partillaba con Catalunya, e de aí libros da súa autoría como “Poesia catalana di protesta” (1968) ou “Breu història de la llengua catalana” (1994)

Foi o profesor da USC José Luís Rodríguez quen no seu día me presentou a Tavani en Santiago de Compostela, estando naquel intre o profesor italiano acompañado da súa esposa, a tamén profesora e catedrática Giulia Lanciani, amiga tamén, e investigadora, da nosa literatura medieval, e falecida catro meses antes do seu home. Cando o profesor José Luís Rodriguez me presentou a Giulia Lanciani citándome polos meus apelidos, esta abriu os seus ollos a me fitar misturando neles unha rara luzada de estrañeza e un non disimulado asombro que ficou entre nós como un lampo invisíbel de algo innomeábel. A profesora Lanciani publicara no ano 1977 en Italia a obra “Il canzionere di Fernan Velho”, que supuña o descubrimento definitivo do trobador medieval portugués de tal nome, xa citado anteriormente por Carolina Michaëlis.

Aos poucos días, eu, que xa de adolescente galeguizara os meus apelidos como Fernán Vello (con tradición familiar xa nesa forma como tal), tiña nas miñas mans a obra do Fernan Velho medieval de Giulia Lanciani que eu descoñecía por completo. Manuel María, tempo máis tarde, publicou un día na súa sección “Andando a terra” (A Nosa Terra), un artigo ben fermoso no que misturaba o nome do poeta medieval portugués e o meu propio.

Fiquen sempre na lembranza, como bos e xenerosos, Giuseppe Tavani e Giulia Lanciani.

Comentarios