Opinión

Notas ao vivo: Pobres e sen fogar (63)

Leo un informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza que sinala que no Reino de España hai máis de 40.000 persoas sen fogar. E esta información coincídeme coa lectura dunha obra de Morton Baratz e William Grigsby do ano 1968 na que definen a pobreza como “unha privación severa de benestar físico e benestar mental, estreitamente asociada con inadecuados recursos económicos e consumos”. Claro que o profesor Paul Spicker, unha autoridade en Políticas Públicas, tamén afirma que a pobreza maniféstase en todas as dimensións da vida, sendo fundamentais a vivenda, a educación e a saúde.

O certo é que o número de persoas sen fogar está a medrar en toda Europa e só Finlandia aplicou medidas ao respecto que conseguiron erradicar en moi boa medida este gravísimo problema social, que é tamén unha auténtica vergoña política, pois non existen verdadeiras normativas, nin estatais, nin autonómicas nin locais, con moi poucas excepcións, que permitan rematar con esta lacra, xa denominada en certos ámbitos sociais como “senfogarismo”.

Segundo datos (2017) da Cruz Vermella en Galicia existen arredor de 1.300 persoas sen fogar, que son aquelas que fan uso de albergues, dormen directamente na rúa ou malviven coa máxima crueza en infravivendas, moitas veces improvisadas. Esta é a realidade máis próxima que nos afecta.

O profesor Francisco Checa, interrogándose sobre por que non se erradica a pobreza na actualidade, se esta é obxectivamente evitábel, mantén a tese de que os pobres, no plano económico, social, político, moral, relixioso e até militar, son necesarios para a supervivencia do mundo moderno, “guiado polos ditames que interesan ás clases dominantes” e dominado polos intereses internacionais do capitalismo corporativo e multinacional. E iso explica que nos EE UU existan 36 millóns de pobres, 18 millóns na Europa Occidental e máis de mil millóns de seres humanos en extrema pobreza en todo o mundo.

En realidade, se analizamos, por exemplo, o século XX, a pobreza e os seres humanos sen fogar, aínda preocupando aos gobernos, non teñen tido resposta como problema político e social, pois non existen medidas de carácter cualitativo que impliquen —lémbrao Francisco Checa— cambios políticos, económicos, sociais e intelectuais. A pobreza social e as desigualdades humanas seguen aí. Si, fanse moitos estudos sobre a pobreza, “monetarízase” a pobreza, mais esta sempre segue aí. E moitas veces só vale, para ser utilizada, obscenamente, nas campañas dos grandes partidos políticos. Nacen 95 millóns de persoas cada ano no mundo e 15 millóns morren de fame, de miseria e sen fogar. Xulguen vostedes.

Comentarios