Opinión

Notas ao vivo: Os nenos no mundo actual (19)

Leo nun Informe feito público este mesmo ano pola organización Save the Children que máis da metade dos nenos do mundo está en risco de pobreza, guerra ou discriminación, e en risco extremodestas tres lacras e ameazas cóntanse 153 millóns de nenos e nenas en todo o planeta. No Informe constátase que a pobreza infantil está concentrada nas áreas rurais (81%), sendo a África Subsahariana e o sur de Asia as zonas con maior índice de nenos pobres no globo terráqueo.

Se profundamos na realidade da infancia no mundo actual o panorama resulta realmente estarrecedor. Só no que atinxe á violencia directa exercida contra os menores, a existencia de nenos soldado, os abusos e a violencia sexual, a explotación laboral, a intimidación e o acoso, os castigos físicos e a venda e trata de nenos dan conta dunha situación verdadeiramente infernal, que, a pesar da existencia dunha Convención dos Dereitos do Neno, xuridicamente vinculante para 193 países, denuncia un estado, en pleno século XXI, instalado de cheo na barbarie. Máis de 1.200 millóns de nenos sofren no mundo formas diversas deste tipo de salvaxismo, mentres os líderes políticos europeos e mundiais no poder organizan elegantes reunións e encontros de traballo cheos de sorrisos, saúdos e boas palabras.

Se falamos de pobreza infantil ningún país europeo se salva

 

Se falamos de pobreza infantil ningún país europeo se salva. Na Unión Europea, segundo datos da oficina de estatística Eurostat, hai máis de 25 millóns de nenos que malviven en risco de pobreza ou exclusión social. E o Reino de España, tan cristián como é, sitúase na quinta posición da lista europea con maior taxa de nenos vivindo en fogares baixo o “umbral” da pobreza: un 32,9% (máis de 2.560.000 millóns de nenos), só por detrás de Romanía, Bulgaria, Grecia e Hungría, e lonxe dunha media europea vergoñenta en si mesma, que chega ao 26,4%.

Nos últimos tempos temos visto nos EEUU imaxes de nenos inmigrantes metidos en gaiolas como se fosen animais, chegando a cifra total destes menores, separados dos seus pais, a 3.000 casos, e todo isto formando parte dos esforzos “democráticos” por combater a inmigración levados a cabo por Donald Trump. Os Estados Unidos de Norteamérica, por certo, sendo como son a primeira economía mundial, obteñen as peores puntuacións en saúde infantil dentro da OCDE, cunhas cifras de mortalidade practicamente terceiromundistas e cunha administración Trump teimando en deixar sen fondos económicos os programas de saúde infantil e os de asistencia de nutrición suplementaria: 1 de cada 7 nenos nace pobre nos EE UU e padecerá serios problemas de alimentación.

“O mundo trata aos nenos ricos como se fosen diñeiro, para que se acostumen a actuar como o diñeiro actúa, e trata aos nenos pobres como se fosen lixo, para que se convertan en lixo”, describía Galeano

 

A realidade dos nenos no mundo actual, en pleno século XXI, soubo describila con pleno acerto Eduardo Galeano: “O mundo trata aos nenos ricos como se fosen diñeiro, para que se acostumen a actuar como o diñeiro actúa, e trata aos nenos pobres como se fosen lixo, para que se convertan en lixo”. E lembraba o escritor uruguaio que só na América Latina morren 100 nenos cada hora por fame ou enfermidade curábel e que os grupos parapoliciais matan seis nenos por día en Colombia e catro no Brasil, onde hai medio millón de nenas brasileiras que venden o seu corpo aos turistas europeos.

Un mundo que despreza os dereitos dos nenos e os trata con tanta extrema crueldade é un mundo enfermo e profundamente desequilibrado. Mais a vida continúa para moitos seres humanos como se nada. E seguen a pensar que existe a xustiza, e que as cousas son como son porque si. Vivimos nun mundo que é pura farsa, disfrace, manipulación, hipocrisía e simulacro. Máis do 80% da riqueza mundial está en mans do 1% máis rico. E arredor de 7,6 billóns de dólares, produto do latrocinio e da explotación dunha minoría privilexiada, están ben ocultos, segundo datos de Oxfam, no entramado de paraísos fiscais existentes no planeta. A Organización das Nacións Unidas creou o Día Mundial da Xustiza Social. Papel mollado. Estrataxemas oficiais. ¿U-la verdadeira xustiza, a xustiza real? Deixouno ben dito o filósofo ateniense máis de catrocentos anos antes da nosa era: “A peor forma de inxustiza é a xustiza simulada”.

Comentarios