Opinión

Notas ao vivo: Nacionalismo humanista (26)

Conservo nidia na miña mente a imaxe dun Mario Vargas Llosa, micro en man, e pouco menos que enlouquecido na súa pose mitineira, bramando contra o “nacionalismo” como a peor de todas as paixóns, a “relixión laica” que máis sangue e cadáveres tiña producido en España e no mundo. O escritor peruano (“No queremos Barcelona como una ciudad medieval”) falaba no acto final dunha manifestación pola unidade de España convocada por Sociedad Civil Catalana, unha entidade nacionalista española cuxas convocatorias son secundadas a miúdo por organizacións xenófobas, ultraconservadoras e de extrema dereita como, entre outras, Falange Española de las JONS, Vox ou Brigadas Blanquiazules. Vargas Llosa, fachedonso e cheo de razón á súa maneira, estaba a baduar contra unha forma de nacionalismo que era precisamente aquela que representaba a multitude que o acirraba e celebraba. Cousas veremos. 

O nacionalismo español enunciado por Vargas Llosa e seguido polas dereitas españolas actuais é un tipo de nacionalismo (Estado-nación) que, pola vía dos feitos, se converte, e actúa, como o máis radical, ofensivo e excluínte. Invisíbel para moitos, porque forma parte no tempo dun proxecto imperialista que coloniza as mentes, o nacionalismo español, agresivo e tantas veces violento ao longo da historia, nega a realidade plurinacional do Estado español e imponse como centralista, unitario, homoxéneo, monocultural e monolingüe.

Vargas Llosa, fachedonso e cheo de razón á súa maneira, estaba a baduar contra unha forma de nacionalismo que era precisamente aquela que representaba a multitude que o acirraba e celebraba

 

Este nacionalismo españolista reinante, defendido mesmo por escritores e filósofos españois de hoxe, é todo o contrario ao humanismo, a unha idea de “empatía” ou “penetración simpática” da que nos falan autores como Fran Ruiz ou Pedro Ibarra Güell, que citando a Johann Gottfried Herder propugnan a vía da vinculación cultural e emocional coas diferentes pluralidades existentes. É dicir, co filósofo alemán como referencia, “nunca a exaltación da propia nación en detrimento de outras”. Porque cada nación debe ter o seu propio “centro de felicidade”, contando coa súa lingua propia, as súas propias manifestacións culturais e os seus propios recursos.

O nacionalismo español de hoxe, supremacista e en clara expansión combinada con formas precisas de neofascismo, bate de fronte cos nacionalismos defensivos, reactivos e protectores (Moreno Cabrera) que teñen lugar en Galiza, País Vasco e Catalunya. Fronte a un nacionalismo españolista que se nega a recoñecerse como tal, dominante e belicoso, ofrezamos con firmeza e decisión un nacionalismo democrático, republicano e humanista. Ernest Renan, que era bretón, non dubidaba en afirmar que unha nación era un “principio espiritual” que se expresaba nun “plebiscito cotiá, democrático e libre”. Moitos viron aí unha fórmula renaniana para a “autodeterminación” das nacións. Xulguen vostedes. 

Fronte a un nacionalismo españolista que se nega a recoñecerse como tal, dominante e belicoso, ofrezamos con firmeza e decisión un nacionalismo democrático, republicano e humanista

 

Para este cronista, o nacionalismo galego, defensivo, construtivo e creativo, visto ademais como republicano e internacionalista, é (ou debera ser), parafraseando a Sartre, un humanismo. Porque ademais, como ben lembraba Benedict Anderson, o nacionalismo é a forza máis profundamente cultural e política do noso tempo. Algo que o nacionalismo imperialista español, cada vez máis fascistizado e profundamente bárbaro e inculto, procura evitar.

Comentarios