Opinión

Notas ao vivo: Matar a cultura (56)

Das moitas reflexións existentes arredor da realidade da cultura elixo neste intre, dadas as circunstancias que vivimos, a que realiza o escritor e editor italiano Luciano Bianciardi, quen di que a cultura carece de sentido se non nos axuda a entender aos demais, a socorrer aos demais e, en definitiva, a evitar o mal. É dicir, cultura, en calquera dos seus eidos e modos creativos e actuantes, contra —como diría José Jiménez Lozano— un mercado ansioso de trivialidades e “mantido”, directa ou indirectamente, polos poderes públicos. ¿Acaso, como nos lembra o escritor abulense, o lixo intelectual e moral da Alemaña de Weimar non degradou no seu día intelectual e moralmente “ás xentes”, preparándoas para recibir o “salvador” Adolf Hitler? Vexamos a realidade actual.

Que a cultura no sentido bianciardiano é perigosa para a clase política en xeral —e sobre todo para o poder político conservador ou retardatario, como dicía Díaz Pardo— é algo que denunciou admirabelmente Nuccio Ordine no seu ensaio “A utilidade do inútil”, onde crítica en profundidade a ditadura do proveito, o utilitarismo da educación e o nulo interese da política pola cultura, servido todo isto dende a perspectiva dunha ignorancia promovida dende as institucións, que mutilan ou matan o coñecemento e a cultura.

Xa no ano 1848 —lémbrao Ordine— Victor Hugo, diante da Asemblea Constituínte francesa, denunciaba que as reducións propostas no orzamento especial das ciencias, as letras e as artes eran dobremente perversas. “Son insignificantes dende o punto de vista financeiro e nocivas dende todos os demais puntos de vista”. ¿Non nos soa isto a algo aquí e agora? ¿En Galiza, no Reino de España e en Europa?

Hai tempo que se fala, e Nuccio Ordine tamén o fai, das universidades-empresas e dos estudantes-clientes, porque a fin última do capitalismo cobizoso e espoliador que se impón hoxe en boa parte do planeta é o mercado, un mercado privado que de ningún xeito atende a intereses xerais senón a perpetuar a dominación e a explotación das clases traballadoras e asalariadas. E ese mercado capitalista, esa sociedade de mercado que leva á mercantilización total da actividade humana, mata, coa “valiosa” axuda do poder político, a cultura. Borra e elimina a cultura viva e creativa, a cultura do pensamento e das humanidades, a cultura da diversidade e das identidades. Resistir, resístese —véxase como resistimos, por exemplo, aquí no noso País—, mais o horizonte imperante é escuro, un horizonte de desaparición. Actuemos, pois, en consecuencia.

Comentarios