Opinión

Notas ao vivo: Mare Mortum (62)

O número de migrantes mortos no Mediterráneo teimando en entrar en Europa é superior a 35.000, tal como consta nun reconto aproximado que se realiza dende o ano 1993 pola rede United for Intercultural Action. Mais o número real de mortos, incalculábel, a maioría afogados no mar, é moito máis elevado, pois miles e miles de persoas morren e desaparecen sen deixaren rastro ningún. Segundo a Organización Internacional das Migracións (OIM), só entre os anos 2014 e 2017 morreron no Mediterráneo (cifras oficiais) máis de 14.000 persoas, o que levou a Emily O’Reilly, Defensora do Pobo Europeo, a afirmar que a historia “xulgará con dureza á Unión Europea pola crise dos migrantes e refuxiados”.

En realidade, así o constatan os feitos, a vida dos migrantes africanos non ten valor ningún para os gobernos europeos e para unha Unión Europea que coas súas políticas converte o Mediterráneo nunha “foxa común”. Estamos, sen dúbida ningunha, diante dunha das máis grandes traxedias da historia da humanidade; e non é só unha traxedia, é tamén, como denuncia Amnistía Internacional, unha vergoña para Europa. A activista Helena Maleno, coordinadora da ONG Caminando Fronteras, consciente de que a Unión Europea “deixa” morrer a seres humanos no Mediterráneo, revela que os Salvamentos Marítimos dos Estados europeos actúan xa a día de hoxe como entes de control migratorio, con traballadores que non contan cos medios precisos e inmediatos, pois os medios que se poñen en marcha non son os mesmos cando se trata de rescatar a migrantes que cando cidadáns europeos teñen calquera problema, por mínimo que sexa, co seu iate privado.

O Mediterráneo, en definitiva, é na actualidade o “Mare Mortum”, un auténtico cemiterio mariño. Henri Malosse, presidente do Comité Europeo Económico e Social, pregúntase, por exemplo, se non temos aprendido a lección do Holocausto cando vemos o que acontece no Mediterráneo. Porque o que está a suceder cos migrantes, di Malosse, é comparábel ao xenocidio levado a cabo polos nazis durante a II Guerra Mundial. Como di nun conmovedor relato Patricia Simón, informe que explica o trato recibido polas persoas negras e magrebís á súa chegada a Andalucía por parte do “persoal de custodia”, “arrasado o horizonte da ética pública, non cabe sorpresa diante o seguinte paso natural: o abrazo do fascismo”. Do fascismo que é fillo natural dos construtores da Europa Fortaleza. MIGUEL 

Comentarios