Opinión

Notas ao vivo: Inmigrantes (35)

 

Vendo o que está a acontecer por estes lares, José Mujica, ex-presidente do Uruguai, lembrouno de xeito moi directo e decidido: “España e Italia vomitaron millóns de inmigrantes e esquecéronse moi axiña da súa historia”. ¿Está a día de hoxe isto esquecido en España? ¿E na Galiza? ¿Non existe unha sorte de memoria colectiva que, como diría Maurice Halbwachs, é o resultado dun exercicio de retro alimentación da memoria individual a partir da estreita relación que esta última mantén coa esfera social que rodea ao individuo?

 

Entre 1820 e 1930 arredor de 60 millóns de europeos emigraron a América. E neste período, coñecido como de “emigración en masa”, o número de emigrantes españois aproximouse, manexándomos datos do CSIC, aos 4.500.000. Arxentina, Cuba, Brasil, Uruguai, Venezuela, México... Nun interesante traballo do profesor Campos Álvarez, da Universidade de Vigo, dáse conta de que entre os anos 1885 e 1930 máis de 900.000 galegos tomaron a ruta de América, o que supoñía case sempre pórse por riba do 50% da emigración española. ¿E o número de emigrantes galegos clandestinos e ilegais? Non existen datos obxectivos e concluíntes, mais tivo que ser elevadísimo.

 

Debería ser de obrigada lectura a obra da socióloga neerlandesa Saskia Sassen titulada na súa edición española “Inmigración y ciudadanos. De las migraciones masivas a la Europa fortaleza” (2013). Porque ben é certo que España e Italia, e Galiza particularmente —en realidade a Unión Europea no seu conxunto—, foron durante séculos países e continente de emigrantes, e na actualidade Europa sofre no que respecta á inmigración unha máis que lamentábel amnesia histórica. Como ten sinalado William Swing, director xeral da Organización Internacional das Migracións, hai que cambiar o discurso tóxico existente e facer fincapé na extraordinaria contribución positiva da inmigración, porque en toda a historia da humanidade, en todas as sociedades os inmigrantes teñen sido beneficiosos.

 

En palabras do politólogo e xurista Suárez Sipmann, reflexionando sobre o dilema de carácter ético máis importante dos existentes hoxe na sociedade europea, a UE ten que adoptar unha política solidaria en materia de inmigración, na cal se repartan as cargas e se amplíen os medios legais: o “espazo” para recibir a inmigración e ofrecerlle un futuro digno. Trátase dun problema de orde humanitaria, e hai que ter en conta —así o expresou o escritor turco e premio Nobel Orhan Pamuk— que a inmigración escribiu a historia da Humanidade. Mais no tempo que vivimos avanza a deshumanización. E regresa o fascismo/nazismo/franquismo, algo que personaxes como Donald Trump ou Jair Bolsonaro, con outras formas, representan. “Con humanidade e democracia nunca foron liberados os pobos” (Adolf Hitler)

Comentarios