Opinión

Notas ao vivo: Ignorancia e fascismo (32)

Un certo dito popular español sinala que a ignorancia é moi ousada ou destemida. Mais pensando nisto venme á lembranza unha frase de Emma Goldman, froito, sen dúbida, do seu pensamento radical, que di que o elemento máis violento na sociedade é a ignorancia. Porque, dicíndoo con outras palabras, existen formas de ignorancia producidas dende o poder, dende o sistema imperante, algo que —José Saramago dixit— infecta como unha pandemia crecente o saber e o coñecemento fundamentado. E, ao fío disto, seguramente o escritor portugués coñecía o que pensaba Isaac Asimov sobre a existencia particular dun culto á ignorancia nos EE UU —“que sempre o houbo” dicía—, engadindo que ese hábito, motivado pola presión dun antiintelectualismo evidente, foi abríndose paso na vida política e cultural estadounidense alimentado pola falsa noción de que a democracia significa que “a miña ignorancia é igual de válida que o teu coñecemento”. E xulguemos aí o caso do empresario Donald Trump. Ou o máis recente do ex militar Jair Bolsonaro.

No ano 1937 o Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes da República, en plena guerra e diante do avance do fascismo, editou un cartaz que contiña a imaxe dunha man entregando un libro de historia a outras mans que o recollían, acompañada a ilustración dun texto que deixaba moi clara a relación entre ignorancia e fascismo: “Leed. Combatiendo la ignorancia derrotareis al fascismo”. Pois ben, 80 anos despois, a imaxe do cartaz republicano segue a ser perfectamente válida e necesaria.

O fascismo de hoxe (neofascismo ou posfascismo) precisa para medrar ignorancia política e histórica —e esa ben que existe—, mais tamén require ignorancia cultural no sentido máis amplo. Interrogado o filósofo Emilio Lledó para diagnosticar unha enfermidade do noso tempo, non dubidou o autor de “Los libros y la libertad” en sinalar a ignorancia, unida á pouca reflexión no plano do pensamento e ao descoido existente na linguaxe. Rob Riemen, analizando os sistemas políticos e sociais actuais, denuncia que a forza dominante da nosa sociedade é a estupidez organizada, o que nos levaría a “democracias de masas desprovistas de espírito democrático”, nun panorama de cidadáns infantilizados a través de programas de entretemento e de anulación progresiva do coñecemento. Vexamos aí o caso da Filosofía e das Humanidades no ensino.

Fernando Borroni fala ben ás claras da instauración dunha ideoloxía da ignorancia, vista esta como “triunfo cultural do neoliberalismo”: non querer profundar na información (hiperdesinformación), abandonar calquera caste de raciocinio crítico e cultivar a exacerbación do individual. Eses son os plans. Fascismo con aparencia de democracia e Parlamentos dirixidos no fondo polos mercados convertidos en instrumento do Poder. Un fascismo social difuso e actuante, ao mesmo tempo nutrido de ignorancia e propagador de ignorancia, comeza a ter “lugar” político na actualidade. A ignorancia activa e pasiva, a ignorancia programada, traerá tempos de escuridade. E o perigoso é que a ignorancia, como advertiu Nicolas Boileau, sempre está disposta a admirarse. E a triunfar.

Comentarios