Opinión

Notas ao vivo: O idioma e a ignorancia (3)

Un grupello reducido de antigos alumnos da Escola de Náutica da Coruña abandonaron o acto de homenaxe á súa promoción, a do ano 1968 -celebrábase o 50 aniversario da mesma-, porque as autoridades presentes, alcalde da Coruña, secretario da UDC e un representante da Xunta, utilizaban en tan solemne acto académico o idioma galego, lingua propia e oficial da universidade e do país. Particularmente, un dos ex alumnos, bocalán e malfalado, ergueu a voz, mentres abandonaban el e outros a sala, para bramar cheo de carraxe contra o uso do idioma galego en tal contexto, afirmando que tal utilización era unha vergoña. Mais tamén é certo que a inmensa maioría dos antigos alumnos e persoas diversas asistentes ao acto manifestaron en todo momento a atención precisa e o respecto debido en tan formal, e por outra banda entrañábel, cerimonia universitaria. 

¿Por que existe o odio (autoodio) ao galego? ¿Por que certas persoas e certos grupos organizados practican unha sorte de racismo lingüístico contra a lingua de Martín Códax e de Luísa Villalta? ¿Acaso pensan que o castelán é unha lingua superior e o galego unha lingua inferior, dende unha perspectiva supremacista e excluínte que desemboca en posicións claramente “lingüicidas”? O racismo lingüístico exercido contra o idioma galego -así pode e debe ser denominado- débese, como ben expresa a profesora da Universidade de Newcastle Rosaleen Howard referíndose a un contexto semellante, á ignorancia e ao medo cara o diferente ou desprezado. Ignorancia sobre o valor e a importancia do idioma mesmo, e sobre as persoas que falan e viven nese idioma, e medo, porque os racistas chegan a sentir o idioma como unha ameaza para o seu “status” persoal.

En definitiva, os antigos alumnos da Escola coruñesa de Náutica que deostaron ou menosprezaron o galego e se afastaron sañudos e irados do seu uso en espazo público -eles e os que coma eles se comportan- constitúen unha mostra ben triste de ignorancia. De suma ignorancia. Seguramente consideran que o noso idioma é cousa de “paletos”, de xente da aldea, de labregos e mariñeiros, porque eles son, aínda a estas alturas da historia, desa caste de señoritos que, como dicía Otero Pedrayo, senten noxo polo galeguismo, e téñenlle medo, e contémplano como unha “ordinariez” -“¿a que veñen coa lingua?”-, dado que eles, engade don Ramón, e acerta, “endexamais tiveron entusiasmo por nada substantivo e propio” e viven “nunha cultura falsa que é apenas unha tona sen raíces internas na vida”. 

A ignorancia dos galegos odiadores do galego, en suma, resulta patética. E o seu retrato é doado. Son profundamente incultos e están comestos pola couza da insensibilidade e do antihumanismo. O seu descoñecemento e analfabetismo funcional son un cancro que padecen. E son tamén iletrados, desinformados e ingratos. Ignoran que a lingua galega é dona e señora dunha literatura medieval de alcance mundial e dunha expresión literaria moderna e contemporánea recoñecida hoxe en todo o mundo. E non saben que o idioma galego, pai e nai do portugués, é falado, con pequenas variacións fonéticas e léxicas, en catro continentes, sendo idioma oficial ou cooficial en nove países do mundo e sendo a cuarta lingua máis falada do planeta (na actualidade máis de 250 millóns de persoas).

-"Que vergüenza”, aturraba, moi falto de urbanidade e de civismo, o antigo alumno de Náutica coruñés contra o galego. 

Contra a ignorancia perversa, un problema de educación e de ética, aínda fica moito por facer.

Comentarios