Opinión

Notas ao vivo: Gustavo Pernas (25)

Fóisenos Gustavo Pernas. O amigo. O extraordinario actor, director teatral e dramaturgo. O excepcional ser humano que el era. Para min o seu pasamento, a súa perda, debo recoñecelo, é unha forma de desastre, de fracaso persoal. E isto, cando escribo estas liñas, resulta difícil explicalo. A morte é o absolutamente ignoto e incomprensíbel, dicía Emmnuel Lévinas, e o relevante do feito irreversíbel da morte, engadía o filósofo, non é que eu teña que morrer, senón a morte do outro. Coa morte de Gustavo Pernas, tan inxusta e improcedente, algo cambia en min, en nós, para sempre, pois ábrese un baleiro doloroso que actúa como o negativo continuo dunha presenza —e teño agora na mente a figura de Luísa Villalta—, mais tamén é certo que un artista, un actor, un escritor da altura de Gustavo Pernas nunca morre, pois está e estará sempre regresando a nós.

A enerxía persoal que transmitía o autor de “Final de película”, o seu sentido do humor levado até o extremo da máis pura retranca, o seu poder de sedución intelectual e o seu inmenso corazón humanista fan e farán de Gustavo Pernas unha figura inesquecíbel, unha presenza sempre “presente”, un ser sempre vivo na nosa lembranza.

Actor e director de dobraxe, actor de teatro, empresario teatral xunto con Ánxela Abalo (Ancora Producións), profesor na Escola de Imaxe e Son da Coruña e na UDC, ensaísta e dramaturgo de amplo recoñecemento e director teatral, Gustavo Pernas era, así o quero ver eu agora, e así peta agora na miña memoria, unha forza da natureza como actor. Cando interpretou o monólogo da súa autoría “Snakizados (Comedia da fin do mundo)”, con maxistral dirección de Ánxela Abalo e polo que recibiu o Premio Maruxa Villanueva de Interpretación, eu sentinme obrigado a recoñecer que estabamos diante dun actor que se situaba na primeira liña do teatro contemporáneo, posuidor dunha potencia expresiva global que combinaba con oficio e sabedoría a linguaxe orgánica do corpo e as resonancias subxectivas da voz: unha voz muscular que ofrecía unha gama de rexistros e de texturas que se patentizaban, en suma, nunha acción física espectacular, teatral, de gran poder persuasivo, revelador e dramático. Alquimia simbólica perturbadora, teatro do malestar e da imputación, código final dunha conflagración corporal e verbal. E díxoo moi ben Manuel Forcadela: “Isto non é só unha obra de teatro. É unha navallada directa ao corazón”.

Gustavo Pernas era, así o quero ver eu agora, e así peta agora na miña memoria, unha forza da natureza como actor

 

O certo é que a aposta polo teatro de Gustavo Pernas foi unha aposta vital. E radical. Definitiva. Inma López Silva viu con lucidez, referíndose á obra “Snakizados”, que se trataba dun texto que procuraba situarse nun dos espazos favoritos da posdramaticidade: a desconstrución verbal. E Manuel Forcadela xa falara dunha fórmula de “post-poema post-sinfónico”.

Eu, que tiven a honra de prologar o libro “Tres logomonos” (2011), que incluía os monólogos teatrais “Colgados”, “Pisados” e “Snakizados”, sempre deixei claro que Gustavo Pernas era un dos autores teatrais con máis bagaxe, tanto en obras publicadas como en premios recibidos, do panorama galego actual e aínda do ámbito estatal ou ibérico. E no caso de “Snakizados”, tal vez a peza-monólogo máis experimental do autor (no límite da “pavorosa soidade delatada”), eu quixen ver, ao fío de Jacques Derrida, un teatro que perturba, “out of joint”, desartellado, interruptor do tempo e do curso ordinario da historia.

Estaba o noso gran autor teatral, o noso Gran Señor do Teatro, conciencia crítica do noso tempo, Gustavo Pernas, creando unha nova estética e unha nova ética dun teatro do malestar e da desaprobación, da demanda e da interpelación: un poema teatral revolucionario. A súa obra dramática, sen dúbida, seguiría a medrar e o seu traballo como actor acabaría sendo recoñecido nas máis altas instancias, dentro e fóra de Galiza. Mais aínda que o seu corpo físico nos teña abandonado aos seus 59 anos, Gustavo Pernas, sabémolo todos, xa brilla con letras de ouro no gran Teatro do Mundo, na gran República da Cultura, e forma parte de min, de nós, con Ánxela e Muriel, mentres nós vivamos.

Comentarios