Opinión

Notas ao vivo: Duquesa de Hitler? (61)

Duquesa de Hitler? Ou Duquesa de Mussolini? Non, non. Trátase dun erro meu: Duquesa de Franco. Esta é a forma correcta: Duquesa de Franco e Grande de España. A neta máis vella do Ditador e filla de Carmen Franco xa cumpriu todos os trámites. Xa é Duquesa. E saíu publicado no Boletín Oficial do Estado. O tal ducado foi creado no ano 1975 polo rei Juan Carlos I para a nai da actual Duquesa, en atención ás “excepcionais circunstancias e merecementos que nela concorren”; entre elas, digo eu, ser filla do militar, ditador e xenocida Francisco Franco. Entre Rafael Catalá, ministro de Xustiza (PP), Dolores Delgado, ministra de Xustiza (PSOE), e Felipe VI —todos eles asinaron o título—, Carmen Martínez-Bordiú acaba de ser nomeada oficialmente Duquesa de Franco con Grandeza de España. E a min todo isto faime lembrar a don Ramón María del Valle-Inclán e a afirmación que fai na obra “Luces de bohemia”, cando di que en España non se premia o mérito: “Se premia el robar y el ser sinvergüenza. En España se premia todo lo malo”.

En Alemaña, ademais da esvástica, do saúdo hitleriano e do himno do partido nazi, tamén está prohibida a exhibición de imaxes de Hitler. E no caso de Italia existen leis, a última de 2017, que prohiben a exaltación ou apoloxía de Mussolini e o fascismo. Mais en España, a pesar da Lei de Memoria Histórica (2007), derogada de facto polo PP na X Lexislatura (non a dotou economicamente para a súa aplicación), todo é posíbel, Fundación Francisco Franco incluída.

O eslogan turístico franquista dos anos 60 do pasado século, “Spain is different”, segue a ser na actualidade, en boa parte e agora no plano político dunha democracia cando menos “incompleta”, un triste acerto. O historiador británico Paul Preston non dubidou en afirmar que o franquismo, “ditadura baseada no terror e a represión”, co seu control sobre os medios de comunicación e a educación, e a súa alianza coa Igrexa católica, levou a cabo unha especie de “lavado de cerebro nacional”. E a Transición e a chegada da Democracia —engade Preston— non fixeron un “contra lavado de cerebro”.

Por iso aínda hai hoxe no Estado español máis de 114.000 desaparecidos, vítimas da represión franquista, e Carmen Martínez-Bordiú, neta do represor, acaba de ser nomeada Duquesa de Franco e Grande de España. A vergoña española continúa.

Comentarios