Opinión

Notas ao vivo: Desprezo cultural (27)

Chegou aos meus ouvidos que nos últimos días se produciu en certos ámbitos un rebento ou renovo da utilización da palabra “poeta” como insulto ou ofensa, e tal suceso fíxome lembrar aqueles versos de Alfonso Pexegueiro que din: “Para que queredes un poeta vivo/ se non sabedes que facer con el,/ matádeo e celebraille as pompas”. E tamén lembrei de inmediato aquel verso contundente de Luis Cernuda, contido no poema titulado “A sus paisanos”, que reza textualmente: “Algo os ofende, porque sí, en el hombre y su tarea”.

A verdade é que pensei en todo isto e lembrei tamén como en determinados segmentos do nacionalismo galego se chegou a utilizar no seu día, con moita frivolidade, o alcume despectivo de “culturetas”, dirixido a todas aquelas persoas que teimaban en valorar a acción cultural como un feito político de primeiro interese. O desprezo cultural, en calquera das súas formas, burla e agravio incluídos, era algo que perturbaba e sublevaba —téñoo ben fixado na memoria— a poetas e amigos como Antón Avilés de Taramancos, Uxío Novoneyra ou Manuel María, ben coñecedores, por outra banda, dun certo “anticulturalismo” existente en certas capas, moi ben localizadas, do sistema político nacionalista de esquerdas.

Mais quen verdadeiramente exerce un desprezo directo e expreso pola cultura, en todas as súas dimensións, é a dereita política, ocupe esta ou non o poder. O poeta chileno Raúl Zurita teno expresado con palabras certeiras cando a acusa de ignorancia e de menosprezo profundo: “La derecha no entiende la cultura, no está dentro de su radio, considera que son tonteras”. Textual. Aínda que se debe ter en conta que a dereita política despreza a cultura, algo que resulta evidente, porque a sociedade, a cidadanía, llo permite.

E todo isto vén a conto porque acaba de celebrarse o Día do Patrimonio Mundial e Manuel Miranda, presidente da asociación Mariña Patrimonio, pertencente á Rede do Patrimonio Cultural de Galicia, denunciou que se teñen destruído mámoas de 5.000 anos no noso país “por plantar enriba cinco eucaliptos”. O desprezo cultural existente, en calquera das súas dimensións, campa sobre nós. Os bárbaros están aquí. A couza triste do desprezo pola cultura fai o seu traballo. Mariña Patrimonio e Adega remitiron á Fiscalía un extenso informe sobre a destrución do Castro da Trinidade, en Mondoñedo, practicamente arrasado pola actividade dunha canteira, e as autoridades responsábeis (Consellería de Economía, Emprego e Industria, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Servizo de Patrimonio de Lugo,...) nada fixeron para paralizar a destrución definitiva dun ben patrimonial e cultural catalogado dende o ano 1995. Esa é a realidade.

Como ben di Felipe Senén, a historia dos atentados contra o Patrimonio Cultural de Galiza pérdese na súa historia e, polo que se ve, estes atentados son cada vez máis agresivos e avanzan en progresión xeométrica. Oxalá estea trabucado Émile Chartier, ao que hai que lembrar sempre como antifascista, cando dicía que a barbarie, unha vez establecida, dura. A sociedade galega non pode permitilo. Porque acaban con nós e co país.

Comentarios