Opinión

Notas ao vivo: Catalunya (31)

Téñolle certa estima como lector ao xornal suízo Le Temps, con sede en Xenebra e tal vez o máis importante da Confederación Helvética. Le Temps, que entrevistou con grande interese no seu día a ex deputada exiliada da CUP Anna Gabriel e no cárcere Jordi Cuixart, acaba de titular un editorial do seguinte xeito: “Catalunya, o proceso que España non pode gañar”. E matiza o editorial do diario suízo: “Os separatistas cataláns saben moi ben que os procesos que se abrirán contra eles nas próximas semanas non poderán ser gañados por Madrid, cando menos en termos de imaxe”.

E en termos estritamente xurídicos? Mais de 350 xuristas españois, catedráticos e profesores de Dereito de practicamente todas as universidades españolas, rexeitaron os delitos de rebelión e de sedición en Catalunya. E até Amnistía Internacional, en carta dirixida a Jordi Cuixart e Jordi Sánchez, denunciou a situación inxusta de cárcere que sofren os líderes das asociacións cívicas catalás, esixindo a retirada dos cargos de rebelión e sedición e defendendo o dereito dos independentistas a expresaren as súas opinións e posicións sobre un futuro e necesario referendo de independencia.

Catalunya, así o pensan e prognostican numerosos analistas políticos en Europa, será independente antes de 20 anos. E o País Vasco seguirá a mesma vía. No caso de Galiza dependerá da “intelixencia” política existente. O Estado español converterase finalmente nunha Confederación, superando tal vez unha estrutura federal previa que recoñeza plenamente o espazo plurinacional. Catalunya marcará —estao xa a facer— os pasos e os tempos. Xa na Segunda República se considerou un modelo confederal como solución política aos problemas nacionais existentes. Mais non triunfou. Iremos cara a unha restauración (modernización) do actual sistema autonómico se as forzas de esquerdas, republicanas, nacionalistas e independentistas manteñen o seu peso? Non. Xa non hai marcha atrás nin neoliberalismo “progresista” (Nancy Fraser) que valla. Catalunya marca e marcará o camiño a seguir.

Comentarios