Opinión

Notas ao vivo: Capitalismo e democracia (53)

Acaba de ver a luz, publicado como obra póstuma, un novo título do eminente historiador catalán Josep Fontana (1931-2018) que non debe pasar desapercibido: “Capitalismo y democracia. 1756-1848. Cómo empezó este engaño”. Precisamente entre eses anos, mediados do século XVIII e mediados do século XIX, foi cando, segundo Fontana, se xestou o engano social no que consistíu o que acabaríamos coñecendo como sistema capitalismo asociado a unha certa idea de democracia, sendo que os gobernos elixidos en todo momento rematarían favorecendo os intereses económicos das grandes empresas, dos grandes propietarios e das clases ricas. É dicir, gobernos elixidos “democraticamente” porque prometían velar polo benestar público e que acaban por se converter “en cómplices tolerantes dun proceso que favorece o enriquecemento dun grupo reducido a costa da maioría, enxendrando así unha sociedade cada vez máis desigual.

O libro de Josep Fontana, que dará moito que falar, sen dúbida, nun panorama ensaístico, con moi poucas excepcións, certamente confuso e mediocre, deixa afirmacións e demostracións de rotunda claridade, como cando enuncia que unha das máis grandes mentiras da historia oficial do capitalismo é o seu papel na loita polo abolicionismo, pois fica ben claro que o progreso da industrialización capitalista tería sido imposíbel sen a existencia dos escravos.

¿Acaso o capitalismo, como defende o economista mexicano Alejandro Nadal, doutor en Economía pola Universidade de París X, non xurde como tal nun entorno de estados monárquicos, autocráticos ou directamente ditatoriais? En definitiva, o capitalismo, como di Nadal, é un sistema no que unha clase dominante se apropia do excedente do produto social xa non pola violencia (vexámolo aquí e agora) senón por medio do mercado. E a iso chámanlle democracia, aínda que os diferentes gobernos elixidos en tal forma de organización política se dediquen a favorecer, tantas veces obscenamente, os intereses económicos dunha minoría.

O novo libro de Josep Fontana, unha obra que el quixo que vira a luz só despois do seu pasamento, é unha poderosa ferramenta de análise histórica e unha lúcida advertencia dirixida ao presente. O mundo actual ten un problema moi serio que se chama capitalismo, e que, en última instancia, como afirma o historiador catalán, é unha estrutura de poder que perpetúa a capacidade de manter as masas, os pobres, nunha palabra, lonxe do poder. ¿Tería sido posíbel o capitalismo tal como o coñecemos hoxe sen os 13 millóns de escravos africanos que están nos seus alicerces? Lean, por favor, o libro de Josep Fontana, para entendermos mellor o mundo e para, conseguintemente, contribuírmos a transformar a historia.

Comentarios