Opinión

Notas ao vivo: Campos de concentración (8)

Se falamos de campos de concentración, baixo terminoloxía nacionalsocialista tamén podemos falar de “campos de internamento” ou “campos de tránsito”. E mesmo o Reichführer das SS, Heinrich Himmler, chegou a se referir aos campos de detención e de reclusión mediante unha orde ou medida de “custodia protectora”. Os primeiros campos de concentración dos que se teña noticia, operados polo Reino Unido, son os que existiron durante a Segunda Guerra Anglo-Bóer (1899-1902) en Sudáfrica e Suazilandia e, posteriormente, tamén houbo “campos”, xa en terras británicas, na Primeira Guerra Mundial. 

O historiador inglés Nikolaus Wachsmann, autor dun libro titulado Historia dos campos de concentración nazis, deixa ben sentado que os campos para o confinamento masivo de persoas existiron antes e despois do Terceiro Reich, dentro e fóra de Europa, e por iso mesmo varios historiadores e especialistas no tema chegaron a falar dunha “Idade dos Campos”: España en Cuba, os EE UU nas Filipinas, os británicos en Sudáfrica e Alemaña na África occidental, no que hoxe é Namibia, entre 1904 e 1908.

Arestora, ben entrado xa o século XXI, a Unión Europea acaba de decidir a creación de campos de concentración en territorio europeo destinados aos inmigrantes e refuxiados, e solicita á Comisión Europea que estude sen dilación a posibilidade de instalalos tamén en solo norteafricano. Os dirixentes europeos —unha boa parte deles situados na extrema dereita e no fascismo— utilizan a expresión “centro de acollida” (hai que maquillar a barbarie) e permiten, porque ollan para outro lado, que o ministro de Interior de Italia, o xenófobo e fascista Matteo Salvini, se refira ás persoas inmigrantes e refuxiadas como “carne humana”.

A Unión Europea acaba de decidir a creación de campos de concentración en territorio europeo destinados aos inmigrantes e refuxiados

 

Dá o mesmo que lles chamen “campos de permanencia transitoria”, “centros de primeira acollida”, “centros de procesamento” ou “centros de clasificación”, o que se está a xestar na actual política europea é a creación de verdadeiros “campos de concentración” para inmigrantes e refuxiados. E a Europa actual está a violar a Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951 e os valores e principios xurídicos que rexen, en definitiva, a comunidade internacional. 

A Europa actual está a violar a Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951

 

Os actuais dirixentes da Unión Europea están creando un monstro. Os campos de concentración do século XXI seguirán a ser, como sempre foron, enclaves para a trata de seres humanos (a “carne humana” de Salvini), espazo de abusos, violencia, torturas, violacións e tráfico de menores e de órganos. Os inmigrantes e refuxiados tratados como mercadoría e refugallo. Unha Europa monetaria e económica que comercia con seres humanos. Unha Europa capitalista neoliberal que acaba sendo produtora de racismo sistémico. Unha Europa que xestiona a pobreza e a morte como un xeito de control dos seres humanos, sexan autóctonos estes sexan inmigrantes ou refuxiados.  

Comentarios