Opinión

Notas ao vivo: Berta Cáccamo (2)

Fóisenos Berta Cáccamo. Inesperadamente. E no mundo da pintura galega, no mundo da Pintura, levantouse un ar de orfandade, precipitouse un refacho de tristura xeral e inmediata cando se tivo noticia do seu pasamento. Pablo Neruda escribiu aquilo de que a morte “sopla un sonido oscuro”, e cando escribo estas liñas, días despois da partida da artista, persiste un son escuro entre nós, un son de cinza amordazado no tempo. 

Hai un verso de Xosé María Álvarez Cáccamo, irmán maior de Berta e de nós, que en certa maneira nos redime na fatídica hora, porque o poeta coñece a dor por dentro, a dor interior da perda, e se o verso do que falamos ía dedicado á figura do pai, Xosé María Álvarez Blázquez, no libro “Luminoso lugar de abatimento” (1987), agora cobra pleno valor de conmoción se llo apomos á irmá, tan querida e celebrada como artista polo irmán poeta: “Ouro e sol para os mortos imprevistos!”.

A morte imprevista e inxusta de Berta Cáccamo fíxonos lembrar a súa intensa traxectoria como pintora, dende a súa licenciatura na Facultat de Belles Arts de Barcelona ás súas máis de vinte exposicións individuais realizadas (e máis de 120 colectivas), con obra en importantes museos e coleccións públicas. Sen dúbida, a nosa artista, mestra da abstracción e da pintura conceptual, labrou en pouco máis de trinta anos de traballo pictórico unha posición de máximo recoñecemento no panorama artístico tanto dentro como fóra do noso país. Con estancias en París e en Roma, Berta Cáccamo, presente tamén no grupo Atlántica, foi tecendo un labor creativo, de profunda reflexión estética, sempre a se interrogar, e a especular, sobre a “mente” da propia pintura, e sempre dende unha perspectiva tensada entre o lírico, como motor, e o intelectual e introspectivo, como proceso.

David Barro, con todo acerto, fala dunha Berta Cáccamo, formada baixo a influencia formalista, atinxida —entre lirismo e melancolía— por unha caste de timbre e de vibración, cor espacial mediante, que posúe identidade propia. E ela mesma se reclama, nun oficio que contempla como fluído natural, adepta á pincelada, á poética da cor e á arte da mancha, pois procura unha creación pictórica centrada nos seus propios elementos definitorios, “fóra do campo da representación”. 

Eu agora, no momento no que escribo esta nota, lembro a Berta Cáccamo alá no ano 1986, cando a coñecín, en Tui, participando, xunto a outros pintores e poetas, na experiencia/convivencia Pintura-Alfándega-Poesía. Encontros de Pintura e Poesía Galega Actual, organizada por Carlota Álvarez Basso. E alí estaban tamén Juan de la Colina, Tono Carvajo, Pedro Muíño, Darío Álvarez Basso, Ramiro Fonte, Xavier Seoane, Manuel Forcadela e Pepe Cáccamo. Berta, recén licenciada en Belas Artes, xa brillaba con poderosa luz propia. Ela tiña unha estrela prendida na fronte. A estrela sempiterna da Pintura.

Ela. Nunca estarás lonxe. Ti.

Comentarios