Opinión

Notas ao vivo: Banalidade política (49)

O termo “banal”, que procede do francés, utilízase para cualificar todo aquilo que carece de substancia ou que resulta insignificante, aínda que a voz francesa orixinal nos remita ao concepto do común ou, en interpretación máis negativa, do que non posúe interese. Hannah Arendt, como é ben coñecido, falounos da “banalidade do mal”, un mal que é produto —como ben nos lembra o escritor Manuel Hidalgo— de comportamentos gregarios, automáticos e irreflexivos, con resultados tantas veces fatais: véxase a historia política (o nazismo, por exemplo) do século XX.

Eu lembro un artigo do sociólogo e ensaísta chileno Marcos Roitman, publicado en La Jornada, xornal mexicano que sigo con moito gosto, no que daba conta da banalidade política existente no Reino de España, referíndose a un espazo público do político deteriorado e banalizado, transformado nun ir e vir de actores políticos mediocres, e concluíndo que case todo consistía nunha “posta en escena” para unha sociedade despolitizada, desideoloxizada e gregaria como a española. Xulguen vostedes. Porque non será tanto. Ou si?

Roitman compara a política cun partido de fútbol. E as súas palabras non teñen desproveito: “Las estrellas quieren brillar, ser protagonistas, sentirse queridas por la afición. En el campo despliegan filigranas y regates, codazos, escupitajos, insultos y juego sucio. Se tiran en el área para engañar al arbitro y conseguir que se pite un penalti inexistente. Otro aparenta una falta grave y espera que el supuesto infractor sea expulsado del terreno de fútbol y jugar con ventaja. Si van ganando hacen tiempo, si van perdiendo azuzan a la afición”. A cita, coido, ten moita substancia e dá para pensar.

No noso país, nesta nosa Galiza que “resiste” baixo mínimos políticos de seu, houbo mostras na última campaña electoral (algunha en forma mesma de “vídeo”) que eran a expresión pura da banalidade. No discurso e na situación. Todo limitado á obviedade e á trivialidade. Sen verdadeiro contido. Ficción política gratuíta. A banalidade estendida como unha sorte de produto vírico. Tóxico.

E fronte a este estado de banalidade xeralizada na política que vivimos —a falta entre nós de unidade de acción das esquerdas é outra forma de banalidade— cómpre pensar. Cómpre repensar a política. A política xa non é o que foi. Teñamos iso claro. Estamos diante dun novo modelo “cognitivo” da política. E non pensemos ou repensemos a política relixiosamente. Como unha forma de conservación “in perpetuum”. Boaventura de Sousa Santos fala de “reinventar o poder”, e aconsella o exercicio de “des-pensar para poder pensar”. Galiza, a nosa vella nación, precisa que des-pensemos e pensemos nela máis ca nunca.

Comentarios