Opinión

Notas ao vivo: AMLO (9)

Andrés Manuel López Obrador: AMLO. Poderíamos dicir, de entrada, que López Obrador, Xefe de Goberno do Distrito Federal (México) entre os anos 2000 e 2005, foi recoñecido pola Fundación City Mayors, un “think tank” internacional dedicado á gobernanza urbana, como segundo mellor alcalde do mundo; e iso foi á altura de 2004, cando máis do 85% dos cidadáns de México DF aprobaban o seu traballo como alcalde.

Andrés Manuel López Obrador: AMLO. Poderíamos dicir, de entrada, que López Obrador, Xefe de Goberno do Distrito Federal (México) entre os anos 2000 e 2005, foi recoñecido pola Fundación City Mayors, un “think tank” internacional dedicado á gobernanza urbana, como segundo mellor alcalde do mundo; e iso foi á altura de 2004, cando máis do 85% dos cidadáns de México DF aprobaban o seu traballo como alcalde.

            Na traxectoria política de López Obrador, iniciada no PRI con apoio expreso do poeta e senador da RepúblicaCarlos Pellicer, admirado por Octavio Paz, a min interésame particularmente o momento no que, afastándose do Partido Revolucionario Institucional, decide unirse á “Corrente democrática”, unha organización que rompe co PRI e que acabará sendo o xermolo do Partido da Revolución Democrática (PDR, 1989), fundado, entre outros, por López Obrador, Cuauhtémoc Cárdenas e Ifigenia Martínez. Con clara conciencia política de esquerdas, o PDR de López Obrador permite a confluencia da esquerda “revolucionaria” mexicana, representada pola esquerda priista, e a esquerda comunista e socialista, asentada no Partido Comunista Mexicano, no Partido Mexicano dos Traballadores e en diversas organizacións amnistiadas que viñan da loita armada.

Paco Ignacio Taibo II sintetiza moi ben o programa político de López Obrador: guerra contra o narco, guerra contra a corrupción e guerra contra o proxecto neoliberal que arruinou a México

 

            Pasado o tempo, e tras o enfrontamento interno entre distintas correntes no PDR —coñecidas en México como “tribos”—, López Obrador decidiu crear o partido Movemento Rexeneración Nacional (MORENA), rexistrado como tal en 2014. E no 2017, e xa pensando nas eleccións federais do ano seguinte, MORENA, o Partido do Traballo e o Partido Encontro Social rexistraron a coalición Xuntos Faremos Historia, con López Obrador como candidato á Presidencia. “Inclusión, traballo conxunto para rescatar a México e pórse do lado correcto da historia”. O resultado, ben coñecido, foi máis de 30 millóns de votos (53.19%) e Andrés Manuel López Obrador presidente dos Estados Unidos Mexicanos, que é a denominación oficial de república federal mexicana.

            O escritor e historiador mexicano Paco Ignacio Taibo II sintetiza moi ben o programa político de López Obrador: guerra contra o narco, guerra contra a corrupción e guerra contra o proxecto neoliberal que arruinou a México. E o xornalista Andy Robinson declara que a vitoria de López Obrador frea en seco a caída da esquerda en América Latina. Eu vou coincidir co profesor e escritor italiano Gennaro Carotenuto, que definiu a AMLO como un vello socialdemócrata que dende hai décadas camiña ao lado das clases populares. Fidel Castro, nun artigo publicado en 2010, concluía que López Obrador acabaría sendo “a persoa de máis autoridade moral e política de México cando o sistema se esboroe e, con el, o imperio”. O Sistema e o Imperio seguen aí, mais AMLO xa levou a esquerda á presidencia de México.

Comentarios