Opinión

Notas ao vivo: Algo moi grave vai acontecer (64)

Digamos que o eixo terrestre ou eixo polar, xa dende as medicións realizadas a partir do ano 1900, se desprazaba, oscilaba, bailaba como un globo de esquerda a dereita, arredor duns 10 centímetros ao ano, como media; o que viña ser 10 metros, como media, nun século, o XX que deixamos. Mais agora sabemos pola revista National Geographic que o polo norte do campo magnético da Terra se está desprazando cara Siberia, afastándose de Canadá, e faino a tal ritmo que provocou hai uns meses unha reunión extraordinaria de científicos e expertos de varios países. E a revista da Academia Nacional de Ciencias dos EE UU non dubidou en afirmar que os cambios rápidos de polaridade que se están a rexistrar no globo terráqueo poderían afectar gravemente aos satélites e á sociedade humana nun futuro próximo.

O certo é que segundo informes do Jet Propulsion Laboratory da NASA, publicados na revista Earth and Planetary Science Letters, o cambio climático (quecemento global) está alterando de vez o peso do xeo polar na rotación do planeta, de tal maneira que, de seguir o ritmo actual, a capa de xeo de Grenlandia acabará por se fundir completamente e elevarase o nivel do mar en máis de sete metros.

Xa no ano 1996, Fidel Castro advertía nun discurso que “cada día hai máis problemas coa contaminación, e cada día son máis graves, cada día envelenan máis as augas e o ar; quéntase a atmosfera terrestre, soben as augas, multiplícanse as catástrofes naturais e as grandes secas que nos asolan”. Textual. E profético. Xa está acontecendo. E vai todo en aumento.

En definitiva, algo vai acontecer, algo moi grave, porque o ser humano está, nun proceso que non cesa, a destruír o planeta. E até a ONU avisa de que se nos acaba o tempo para evitar un desastre ambiental, porque a desaparición da capa de xeo do Ártico, o aumento das mortes por contaminación do ar nas cidades (7 millóns de vidas humanas cada ano) e a extensión do deserto en diversos puntos da Terra son xa unha realidade crecente e os poderes políticos non ofrecen solucións ao respecto. Xa o bo do Jacques Cousteau afirmaba no seu día que o océano era o “sumidoiro universal”, e tiña toda a razón: na actualidade estímase que hai 50 billóns de fragmentos de plástico nos mares do planeta.

Estamos, pois, de seguirmos na teima destrutiva e auto destrutiva na que estamos, con toda a axuda do sistema capitalista, diante dunha catástrofe ecolóxica global. Naomi Kein referiuse ao tempo que vivimos como “capitalismo do desastre”. E talmente é. O cataclismo, a devastación, a hecatombe, xa están aquí. E algo moi grave, aínda máis grave do que é grave, vai acontecer. Xa o apuntou, indirectamente, no ano 1981, un grupo de músicos vigueses: sinistro total. A destrución de todos e de todo. ¿Acaso vostedes non o perciben?

Comentarios