Opinión

Neoliberalismo e morte das humanidades

O neoliberalismo que, con notábel éxito, teima en se estender polo mundo adiante, non está interesado nese conxunto de disciplinas que denominamos “humanidades”

O neoliberalismo que, con notábel éxito, teima en se estender polo mundo adiante, non está interesado nese conxunto de disciplinas que denominamos “humanidades” e que eu quero entender tamén como “ciencias do espírito e do pensamento”. E aí entran, como non, as artes e a literatura, a filosofía, a lingüística, as ciencias sociais e políticas, e mesmo o dereito, a psicoloxía ou a antropoloxía. Como ben expresa o poeta Jaime Siles, presidente da Sociedad Española de Estudios Clásicos, das humanidades depende a nosa visión do mundo, a nosa representación verbal da realidade. Mais o neoliberalismo, como é ben sabido, posúe unha mentalidade puramente economicista e só lle interesa o “homo economicus”; ou, dito doutro xeito, despreza o “homo democraticus”, e xa non digamos o “homo cultus”. ¿Acaso o neoliberalismo (Naomi Klein) non ten como un dos seus fins estratéxicos situar os seus principios fundamentais fóra do alcance dos mecanismos representativos, fóra directamente da democracia? Lembremos aquí, como complemento ao anterior, a Gerardo Pisarello, quen sostén a tese de que coa globalización neoliberal as Constitucións dos Estados teñen adquirido —e máis que teimarán en adquiriren no futuro— un forte compoñente oligárquico en detrimento do seu inicialmente lóxico compoñente democrático. E véxase, se non, a oligarquización existente no caso da Unión Europea.

Unha boa parte das mentes “económicas” (neoliberais) que hoxe toman decisións en materia educativa e cultural nos altos organismos internacionais e nos gobernos de moitos países semellan estaren posuídas polas ideas de Thorstein Veblen, aquel economista estadounidense, autor dunha obra titulada “Teoría da clase ociosa” (1899), quen chegou a afirmar que as humanidades constituían unha “actividade inútil da clase parasitaria”. Mais non se alporicen por isto os lectores. O tal Veblen aínda engadía que as humanidades “son dende o punto de vista da eficiencia económica, no seu sentido máis amplo, estériles anacronismos” e que as linguas clásicas son “información substancialmente inútil”. ¿Estamos? Agora entendo eu que os mestres da República avisasen, con gran lucidez pola súa parte, de que “a lectura é a mellor defensa contra o fascismo”.

Agora entendo eu que os mestres da República avisasen, con gran lucidez pola súa parte, de que “a lectura é a mellor defensa contra o fascismo”

Martha Nussbaum, filósofa estadounidense e Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais, non dubida en afirmar na súa obra “Sen fins de lucro. Por que a democracia precisa das humanidades” —título de lectura obrigada— que estando como estamos no medio dunha crise de proporcións masivas e grave significado global no plano económico, o que está pasando verdadeiramente desapercibido, como un cancro, é “unha crise que pode ser, a longo prazo, moito máis destrutiva para o futuro da democracia: a crise mundial na educación”. ¿Alguén o dubida? Se alguén o dubida, lea, por favor, o que di o crítico literario Terry Eagleton, quen, indo máis alá, publicou un artigo en The Guardian titulado “A morte das Universidades”, no cal sostén que o capitalismo avanzado ten como norte transformar as Universidades en “instalacións de adestramento técnico ou en institutos de investigación corporativos”, eliminando así de raíz as disciplinas humanísticas.

O neoliberalismo rampante —ou, se vostedes o prefiren, o capitalismo corporativo— está máis interesado no “business” duns poucos que nunha educación e nunha ilustración democráticas. O que se pretende impor é o discurso da eficiencia, a competitividade, a rendibilidade e a rendición de contas (Carmel Borg e Peter Mayo); esquecendo, claro está, a riqueza das humanidades “como unha oportunidade de formación horizontal para o saber, saber facer, comportarse e saber ser” (Francesc Solé).

O neoliberalismo rampante —ou, se vostedes o prefiren, o capitalismo corporativo— está máis interesado no “business” duns poucos que nunha educación e nunha ilustración democráticas

E mentres o neoliberalismo se aplica en distribuír os seus estupefacientes entre a poboación en xeral —véxase a TV, por exemplo: para atinxir a “estandarización do vulgar”, que diría Chesterton—, as humanidades van sendo retiradas da formación académica, prímase o ensino privado (con claras directrices ideolóxicas conservadoras) e faise realidade a vella frase que di “os ricos estudan, os pobres traballan”. Como na ditadura franquista, na Hespaña de hoxe vaise camiño de primar unha certa excelencia social e educativa das minorías acomodadas. Mais, iso si, sen humanidades. Neoliberalismo salvaxe. Concentración do crédito, da riqueza e da propiedade. Multiplicación de masas urbanas no paro ou con traballo precario e desestabilización interesada das economías nacionais, entre outros trazos desta nova forma de violencia que fai medrar a pobreza e a miseria no ámbito local e no ámbito global. E, se a cidadanía non reacciona —todo apunta a que o fará—, até os máis instruídos acabarán sendo “paletos da ciencia” (Ortega y Gasset).

Comentarios