Opinión

O neno

Os seres humanos —así o din algúns estudos realizados— procesamos até 60.000 veces máis rápido as imaxes que os textos

Os seres humanos —así o din algúns estudos realizados— procesamos até 60.000 veces máis rápido as imaxes que os textos e posuímos unha maior capacidade para retermos un contido visual sobre calquera outro contido informativo: lembramos, por exemplo, até o 80% do que vemos e só o 20% do que lemos. Por iso mesmo, a imaxe fotográfica do neno kurdo-sirio afogado na praia turca de Bodrum estremeceu nun lampo inmediato de dor a medio mundo, e provocou un auténtico “shock” emocional, demostrando que na actualidade a imaxe (xa o dixera no seu día Ignacio Ramonet) goberna o feito comunicativo. ¿Lembran vostedes aquela outra imaxe fotográfica realizada polo sudafricano Kevin Carter, titulada “O neno e o voitre”, na que se podía ver un meniño negro xa nos ósos, case morto de fame mais aínda a xogar cun carabulliño, e a ave de prea detrás del a poucos metros a agardar pousada xa en terra pola súa pitanza de carne fresca? A fotografía obtivo o premio Pulitzer e o fotógrafo suicidouse tres meses despois.

O certo é que a memoria humana é fráxil, frouxa, livián mesmo, e, parafraseando a Zygmunt Bauman, asistimos tamén neste tempo que nos toca vivir a unha sorte de “memoria líquida”, na que as formas, as figuras, as realidades xa non perduran, porque se impón —digámolo así— un certo imperio da caducidade. Xa Luis Cernuda, gran poeta sabio, nos advertía en célebre verso sobre algo que resulta hoxe máis ca nunca necesario: “Recuérdalo tú y recuérdalo a otros”. E tamén está aí presente o “Nada se perda” de Walter Benjamin, porque é preciso —a idea é do filósofo Reyes Mate— que as inxustizas irreparábeis causadas ás vítimas as manteñamos vivas na memoria individual e na memoria da humanidade, non debendo dalas por prescritas mentres non foren saldadas. Ou como dicía T. W. Adorno, e é o que sinto eu mesmo —río de lava de dor e de indignación no peito— diante da foto de Aylan Kurdi: “Deixar falar o sufrimento é a condición de toda verdade”.

"O Estado español gastou nos últimos cinco anos 290 millóns de euros en selar as fronteiras españolas e menos de 10 millóns dedicados á acollida de refuxiados e inmigrantes" 

¿Lembran vostedes cantos nenos palestinos faleceron, moitos deles “desintegrados”, na última ofensiva israelí (2014) sobre Gaza, denominada “Margen Protector”? Toda a prensa mundial falou de 400 nenos mortos e 2.500 feridos, vítimas dos bombardeos do “glorioso” Exército israelí, que, segundo funcionarios internacionais da UNICEF, “usa armamento horríbel que provoca terríbeis amputacións”. ¿Queremos ver fotografías de meniñas palestinas co seu corpo desmembrado cando non pulverizado polas bombas? Pois existen. E eu non esquezo un informe de OXFAM (confederación internacional formada por 17 ONGs que realizan labores humanitarios en perto de cen países) que denunciaba que a última incursión terrestre das Forzas Armadas israelís en Gaza tiña causado a morte de un neno cada 90 minutos. 

¿E cantos nenos refuxiados e inmigrantes teñen morto afogados no Mediterráneo só no ano 2014 e no que vai de 2015? ¿Mil? ¿Dous mil? A fotografía de Aylan Kurdi na praia de Bodrum non é máis que unha proba, entre milleiros delas, do gran “xenocidio” que se está producindo —resulta patético dicilo— no Mare Nostrum. A Unión Europea —“recuérdalo tú y recuérdalo a otros”— destinou este mesmo ano máis de 80 millóns de euros a sufragar tecnoloxía militar de vixilancia, entre outros destinos de carácter bélico “defensivo” (Axencia Frontex), e non existe ningunha medida seria articulada como tal destinada ao salvamento de persoas. E o Estado español gastou nos últimos cinco anos 290 millóns de euros en selar as fronteiras españolas e menos de 10 millóns dedicados á acollida de refuxiados e inmigrantes. 

O imperio da indecencia está aquí. Domina na política e na economía, como ben lembraba o filósofo Emilio Lledó. Vivimos tempos de depravación e de degradación, de aviltamento, na política exercida polo poder, e vivimos baixo das gadoupas da “usurocracia” que impón o ámbito económico dirixente. Dicía o poeta Ezra Pound, lúcido sempre na súa poética profunda, que “a usura é o cancro do mundo”. E engadía: “Hoxe denomínase democracia ao que en verdade é usurocracia e dinastocracia: o dominio dos emprestadores de diñeiro”. O alcalde de Palermo, Leoluca Orlando, un político decente, non dubida en denunciar, tamén por evidentes razóns económicas, o “xenocidio migratorio” que se está a producir no mar Mediterráneo: (...) “e nalgúns anos imos ter que responder por iso”, afirma. Europa ten hoxe as “mans suxas” (Sartre) e no plano ético-político “fede que alcatrea” (Shakesperare/Celso Emilio Ferreiro). E a fotografía do neno kurdo afogado na praia de Bodrum é a fotografía de todos os nenos e nenas que son vítimas da violencia estrutural e da violencia sistémica, obxectiva e intersocietal que xera hoxe o sistema económico capitalista. 

Comentarios