Opinión

Neira Vilas

Non hai moitos días celebrou a Fundación Xosé Neira Vilas a reunión anual do seu Padroado

Non hai moitos días celebrou a Fundación Xosé Neira Vilas a reunión anual do seu Padroado e os que alí estivemos, como membros do mesmo —para min é unha inmensa honra formar parte dese organismo cultural—, tivemos boa ocasión de admirar os 87 anos do escritor e presidente da Fundación, un Pepe Neira que en todo momento fixo gala dunha extraordinaria lucidez presidindo o acto e que nos agasallou, en diversas narracións e comentarios, coa arte da súa prodixiosa memoria. Mais o certo é que Neira Vilas está hoxe de vibrante actualidade, primeiro porque acaba de recibir a Medalla de Ouro de Galicia —ninguén mellor ca el para a recibir— e, por outra banda, porque a Editorial Galaxia acaba de pór nas librarías a 35 edición dese clásico galego e universal que é a súa novela “Memorias dun neno labrego”: máis de 600.000 exemplares vendidos en galego e traducida a máis de 15 idiomas, converténdose en Alemaña —vaia aquí este dato— no primeiro libro galego (e español) en ser incluído nunha colección de Literatura Universal.

Eu teño lembrado máis dunha vez as palabras pronunciadas por Lorenzo Varela con motivo da presentación en Madrid da sexta edición das memorias do neno Balbino —acontecía isto no ano 1976—, pois o poeta de Monterroso valoraba dun xeito especial o amor aos nenos que Neira Vilas expresa e comunica na súa obra: “nenos galegos pobres, cos ollos poboados de tristura e de soños”. Cando eu lin na miña recén estreada adolescencia, e practicamente na clandestinidade, as “Memorias dun neno labrego” sentín tamén ese “amor” aos nenos e un amor ás raíces do persoal máis profundo, porque nese caderno minucioso de lembranzas que é a novela latexa a transparencia dun mundo vivido como propio, experiencia radical que é ofrecida aos lectores con expresivo realismo e autenticidade ética, algo que conecta en certo sentido con aquela idea de Charles Taylor de “chegar a ser o que no noso interior somos”.

Nese caderno minucioso de lembranzas que é a novela latexa a transparencia dun mundo vivido como propio

Na persoa de Xosé Neira Vilas — outrora aquel rapaz que emigra con vinte anos cumpridos a América; o neto de Santiago Vilas, músico, labrego e zoqueiro— eu sempre vin un “ser” (firme nos seus camiños andados e construído a si mesmo) identificado inescusabelmente coa terra, coa Terra Nai, co amor ás propias raíces, e, ao mesmo tempo —así o teño escrito nalgún texto anterior—, posuído por un ánimo de lealdade emotiva con outros horizontes, resultado este da súa experiencia como emigrante, do seu vivir no exilio, do seu ollar aberto ao mundo, das súas inquedanzas en tensión e do seu poder construtivo no social, no cultural e no político. E a Fundación Neira Vilas é resultado, material e simbólico, de todo isto.

A Fundación que preside o propio escritor toma asento a partir do núcleo dunha vella casa campesiña restaurada no seu día polo arquitecto César Portela. Acolle un Museo Etnográfico e unha Biblioteca Pública con dúas salas de lectura, unha delas especializada, como non podía ser doutra maneira —aí vese a man tamén da lembrada Anisia Miranda—, para nenos. Mais tamén conta a Fundación cun importante Arquivo e unha Sala de Exposicións e Concertos. Na actualidade, a Biblioteca da Fundación, na pequena e entrañábel aldea de Gres, conta con arredor de 500 socios activos e leva prestados na última década máis de 15.000 libros. E o Museo Etnográfico, con máis de 500 pezas en exhibición, tense convertido nunha atractiva referencia cultural non só para a bisbarra do Deza senón para toda Galicia. Compróbeno vostedes.

Eu tería moito que dicir do gran escritor, todo un clásico de nós e de todos, que é Pepe Neira Vilas, que pasou da súa aldea pontevedresa —“tenza de vizosos labradíos” e “recanto fluvial de pesqueiras e muíños”— a ser en Buenos Aires activo e comprometido Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas. Na capital arxentina fundaría a editorial Follas Novas, exactamente o día 15 de xullo de 1957. E despois viría a luz doce e escintilante de Cuba. “Toda unha vida”, que diría o letrista e compositor Osvaldo Farrés. Beizóns todas para o amigo e mestre Xosé Neira Vilas, que vive hoxe, en Gres, rodeado de libros, ouvindo no seu corazón as augas de choiva e manantío do río Ulla. Como el mesmo dixo: “Río meu para sempre”.

Comentarios