Opinión

Negación de Catalunya

Á vista da interpretación que se fai en Madrid dos resultados electorais producidos en Catalunya

 

Á vista da interpretación que se fai en Madrid dos resultados electorais producidos en Catalunya (practicamente toda a prensa madrileña e a gran maioría da española, de “perfecta obedientia”), poderíase pensar que existe, arredor deste caso, un mecanismo freudiano de defensa —así funciona para o autor de “Tótem e tabú” a “negación”—, que se activa enviando o que se considera información incómoda ou ameazante ao inconsciente, propiciando así a negación desta. E fica ben claro, a pouco que tivésemos visto as portadas da inmensa maioría da prensa española, que Madrid e adláteres —o “super ego” no plano político e informativo do nacionalismo español— tratan de protexerse contra unha realidade que consideran  desagradábel teimando en negar a súa existencia. 

¿Por que a maioría da prensa española nos seus titulares di unha cousa e a prensa internacional di outra? Os principais titulares estranxeiros europeos sobre as eleccións autonómicas en Catalunya din (poñamos algúns exemplos): 1. “Os separatistas gañan as eleccións e reafírmanse no voto do si para romper con España” (The Guardian) 2. “Cataluña vota: os partidos pro-independencia gañan as eleccións” (BBC) 3. “Os separatistas cataláns gañan con estreita maioría nas eleccións rexionais” (The New York Times) 4. “¿Catalunya diríxese cara a secesión? Ampla vitoria para os independentistas” (Le Monde) Ou, e 5. “A opción separatista gaña en Catalunya” (Syddetsche Zeitung) ¿Abondará con isto? Porque o xornal La Jornada (México) tamén puxo en portada que “Cataluña afástase de España en históricos comicios”, Clarín (Arxentina) titulou que “En Cataluña gañan os secesionistas e van pola separación de España”, e até La Voz (Venezuela) recoñeceu que “Aínda que España non negocie, independentistas cataláns prometen iniciar a secesión”. E xa non citamos titulares de portada de xornais asiáticos e algún africano, nin nos referimos ás noticias de apertura de moitos dos programas informativos (telexornais) de televisións de medio mundo.

"Paul Watzlawick dicía que un modo de abordar erroneamente un problema reside en comportarse como se tal problema non existise"

¿Por que a maioría da prensa madrileña e española teima en negar, en minusvalorar, en terxiversar e condenar a realidade de Catalunya? ¿Estará toda a prensa internacional instalada na mentira ou na manipulación da realidade mentres a española está en posesión da verdade? Xa o filósofo e psicólogo austríaco Paul Watzlawick —en realidade, un dos grandes científicos do estudo da comunicación— dicía que un modo de abordar erroneamente un problema reside en comportarse como se tal problema non existise; é dicir, en “aplicar como solución a negación do problema”. E iso mesmo, esa forma de negación actuante sobre Catalunya, que implica tamén unha falta de esperanza en poder cambiar a situación obxectiva (Shlomo Breznitz), é o que levan facendo o actual Goberno do “Reino de España” —denominación esta empregada en todos os tratados e convenios internacionais— e (case sempre de xeito agresivo) a prensa negacionista da existencia real e nacional de Catalunya. 

Utilizando o coñecemento propiamente psicolóxico ou psicanalítico, a negación da realidade catalá por parte da prensa española —tan tinxida ela de nacionalismo español nunca auto-recoñecido— pódese considerar como un mecanismo de defensa “inmaturo”, que é aquel —“distancia emocional”— que bloquea a realidade no inconsciente para permitir unha vida allea a ela. Mais, por outra banda, o Reino de España, capital Madrid, padece o que Roy Preiswerk e Dominique Perrot teñen denominado como “centrismo clausurado en si”, que tamén se pode entender como unha forma patolóxica de narcisismo inconsciente, que presume de ser natural e xusto cando en realidade é puro ollar etnocéntrico e sociocéntrico, cando non etnocida.

Dadas as cousas e vendo como está o patio español, o “corral nublado” (Valle-Inclán), hai que seguir a ler o mestre de Vilanova de Arousa; de plena actualidade, e se non vexamos algunhas frases da obra teatral “Luces de bohemia” (1924), coa que o xenio crea o “esperpento”: “España es una deformación grotesca de la civilización europea” (...) “En España el trabajo y la inteligencia siempre se han visto menospreciados. Aquí todo lo manda el dinero” (...) “En España el mérito no se premia. Se premia el robar y el ser sinvergüenza” (...) Xulguen vostedes. O propio don Ramón viuse obrigado a definir o esperpento con estas palabras: “Mi estética actual es transformar con matemática de espejo cóncavo las normas clásicas. Deformemos la expresión en el mismo espejo que nos deforma las caras y toda la vida miserable de España”. Pura actualidade palpitante.

Comentarios