Opinión

Notas ao vivo: Defende a Galega (50)

O colectivo de profesionais da comunicación Venres Negros (traballadoras e traballadores da CRTVG) que se define polo lema mobilizador Defende a Galega acaba de ser distinguido co Premio José Couso de Liberdade de Prensa na súa XV edición, un galardón creado polo Colexio Profesional de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol para recoñecer a persoas ou organizacións que traballan e loitan pola liberdade informativa e contra a manipulación neste ámbito, lembrando e honrando así a figura do operador de cámara e reporteiro gráfico ferrolán José Couso, vilmente asasinado polo exército dos EE UU durante a invasión do Iraq no ano 2003.

Os profesionais da CRTVG que erguen a súa voz crítica dende maio de 2018 en defensa da Radio Galega e da Televisión de Galicia son hoxe un paradigma do que se coñece por xornalismo ético, baseado, entre outros conceptos, na verdade, na independencia, na imparcialidade e na responsabilidade. ¿Cumpre na actualidade a CRTVG os principios internacionais da ética profesional do xornalismo aprobados pola UNESCO en 1983? ¿Acaso non ten dereito o pobo galego, a través dos seus espazos de comunicación públicos, a unha información verídica, concretada no dereito a recibir unha imaxe obxectiva da realidade por medio dunha información precisa e completa?

Os 50 Venres Negros de mobilización xa levados a cabo —recoñecíbeis polas camisolas negras que visten os traballadores da “casa”— son todo un exemplo de dignidade, humana e profesional, na defensa dos dereitos fundamentais sobre a libre información e o respecto á verdade, pois salta ben á vista que a CRTVG e os seus responsábeis “políticos” incumpren calquera código deontolóxico da profesión xornalística, incluído o da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), que di que hai que informar só sobre feitos dos cales se coñece a súa orixe, sen falsificar documentos nin omitir informacións esenciais, así como non publicar material informativo falso, enganoso ou deformado. ¿Estamos? Da mesma maneira que o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego (2008) di que a garantía dos dereitos da cidadanía require a defensa duns medios de comunicación libres, plurais, críticos e abertos á sociedade á que serven.

E todo isto, madia leva, non acontece na CRTVG actual, tan afeita, como denunciaron os xornalistas Tati Moyano e Carlos Jiménez, á manipulación informativa e ás dificultades crecentes dos profesionais galegos para desenvolveren o seu traballo con criterios verdadeiramente profesionais. O Premio José Couso, xa con amplo prestixio e resonancia internacional —recibírono, entre outros, Le Monde Diplomatique, Jon Lee Anderson, WikiLeaks e Jordi Évole—, non tivo cobertura informativa ningunha nos medios públicos galegos cando foi concedido ao colectivo Defende a Galega. E velaquí un caso evidente de censura. Tétrica censura. Porque aquí faise manifesto por parte dos “xornalistas” directores políticos da CRTVG, máis alá da súa perversión e nula percepción democrática da realidade, aquilo que dicía Laurence Sterne: a censura é o imposto da envexa sobre o mérito. Parabéns todos para Defende a Galega e azos inmensos na súa loita pola verdade da información.

Comentarios