Opinión

México, Distrito Federal

México DF ou Cidade de México, Distrito Federal, suma, xunto coa Zona Metropolitana do Val de México, máis de 21 millóns de habitantes

México DF ou Cidade de México, Distrito Federal, suma, xunto coa Zona Metropolitana do Val de México, máis de 21 millóns de habitantes, segundo datos oficiais, aínda que a megalópole ben entendida (Puebla de Zaragoza, Toluca de Lerdo, Pachuca de Soto e Cuernavaca, rexión do “Bajío” incluída) supera con moito os 37 millóns de seres humanos: a cuarta megalópole máis poboada do planeta. Dicir que a Cidade de México, tamén denominada “Cidade dos Palacios”, resulta fascinante é ficarmos curtos na definición do que verdadeiramente é a vella Tenochtitlan, hoxe a cidade dos defeños, mexiqueños ou chilangos. Carlos Fuentes dixo, con razón, que México tiña as mans baleiras de pan e a cabeza chea de soños, mais se un quixer apreixar mellor o sentido da cidade das “mil voces descompostas” tería que acudir aos versos de Efraín Huerta, quen definiu a cidade capitalina, “bella como camelia y triste como lágrima”, advertindo que “los hombres que te odian no comprenden / cómo eres pura, amplia, / rojiza, cariñosa, ciudad mía”.

O certo é que México DF é unha sorte de “cidade imposíbel” (Sánchez Cetina) ou “apocalíptica” (Carlos Monsiváis), mais a pesar de que a cidade é lugar onde “como unha flor a aberración florece”, un ben pode concluír en verso final con Charles Baudelaire, aquel que soubo cantar París dende a radicalidade: “Ámote, oh capital infame”. E, despois disto, ¿que máis se pode dicir dunha “monstrópole” como a Cidade de México? O visitante da urbe non pode afastarse da poesía e ten que botar man dun autor como Octavio Paz —bo coñecedor e admirador, por certo, da poesía medieval galega—, que cando se sente expulsado do “xardín” non dubida en afirmar que estamos condenados a inventalo (reinventalo) e cultivar as súas “flores delirantes”.

O visitante da urbe non pode afastarse da poesía e ten que botar man dun autor como Octavio Paz —bo coñecedor e admirador, por certo, da poesía medieval galega—

A Cidade de México (Tenochtitlan), como ben se sabe, foi destruída no seu día polos conquistadores hispánicos ou casteláns, e despois de torturar e asasinar o último emperador azteca, Cuauhtemoc, e derrubar a maioría dos templos aztecas para construíren a seguir igrexas e mosteiros —as augas do lago de Texcoco ficaron tinxidas de vermello—, o sanguinario Hernán Cortés foi nomeado (1522) Gobernador, Capitán General e Justicia Mayor da nova colonia baixo mando absoluto da ínclita “Corona de Castilla”. Foi o filósofo alemán Oswald Spengler, autor dun réquiem a México-Tenochtitlan, quen mellor definiu a caída da cidade presidida no horizonte polos volcáns Popocatépetl e Iztaccihuatl: “Esta cultura é o único exemplo dunha morte violenta. Non faleceu por esmorecemento, non foi nin empecida nin reprimida no seu desenvolvemento. Morreu asasinada na plenitude da súa evolución, destruída como unha flor que un transeúnte decapita co seu caxado”.

Xa o México DF contemporáneo sería quen de reunir —na Casa Azul— a León Trotski, Diego Rivera, André Breton e Frida Kahlo, mais a mesma urbe xa deixara fascinado ao viaxeiro inglés Thomas Gage a mediados do século XVII e ao alemán Alexander von Humboldt no século XIX. Serge Gruzinski, autor de “La ciudad de México: una historia” (2004), acerta cando di que o México actual, comesto pola desigualdade e a pobreza, conserva un segredo: “saber conservar o equilibrio nas situacións máis precarias”. ¿Mais iso até cando? As liñas de pobreza en México mantéñense altas e vai ser extremadamente difícil, sen levar a cabo unha reforma efectiva do Estado e sen aplicar “outras” políticas, a construción dun proceso orientado a atinxir a equidade social. Si, o Centro Histórico de México, fermoso en si mesmo, está considerado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade. E un tampouco se esquece da beleza do Bosque de Chapultepec e do flamante Museo Nacional de Antropoloxía, ou da UNAM coa súa torre central da Reitoría que ostenta unha obra muralista de David Alfaro Siqueiros e que conta con máis de 300 mil alumnos universitarios, académicos e investigadores.

Nas eleccións ao Congreso da Cidade de México celebradas no mes de xuño de 2015 a organización de esquerdas MORENA (Movimiento de Regeneración Nacional), liderada por Andrés Manuel López Obrador, obtivo un forte ascenso electoral, colocándose como primeira forza política de México DF. A esperanza segue en pé. E vaia aquí unha anécdota. Camiñaba este cronista pola rúa Querétaro, na colonia Roma, cando advertiu unha lingua chea de preciosa música que falaban dúas nenas coa súa nai. Achegouse a elas e preguntoulles con sumo respecto en que idioma falaban. E dixéronlle, todas sorridentes as tres, que eran de Oaxaca e que falaban mixteco.
 

Comentarios