Opinión

IV Reich

Comecemos dicindo que a palabra “Reich” en alemán significa “Imperio” ou “Reino”, e tamén “Riqueza”.

Comecemos dicindo que a palabra “Reich” en alemán significa “Imperio” ou “Reino”, e tamén “Riqueza”. E digamos tamén de entrada que cada vez son máis as voces que, dende o pensamento político e económico, coinciden en sinalar a instauración nos nosos días dun novo “reich” alemán: o IV Reich. Xa Walther Funk, ministro nazi de Economía (1937-1945), presidente do Reichbank e conselleiro privado de Hitler, foi quen de enxergar ou abesullar a aparición dunha “unión económica europea”, e outro ministro de Hitler, neste caso Cecile von Renthe-Fink (ministro de Estado), foi quen de elaborar unha “Nota sobre a fundación dunha Confederación Europea” na que se sostiña que as nacións europeas tiñan un desenvolvemento común e que Alemaña desexaba unir Europa sobre unha base federal. ¿E acaso non foi Hermann Goering —lembrouno no seu día Yanis Varoufakis— quen nun “Memorando da Chancelaría do Reich” chegou a propor “a solución aos problemas económicos (...) co eventual obxectivo dunha unión aduaneira europea e un mercado libre europeo, un sistema de compensación europea e uns tipos de cambio estábeis en Europa, con vistas a unha unión monetaria europea”?

¿Temos ou non temos memoria? ¿Deixamos que actúen os estupefacientes sobre nós? Porque convén dicilo con toda claridade: a Unión Europea actual xa fora albiscada, en formulacións económicas e políticas, polo nazismo hitleriano. Sirvan como exemplo estas palabras do anteriormente citado Renthe-Fink escritas no ano 1943: “Na tremenda loita polo futuro de Europa, os alemáns somos campións dunha nova e mellor orde onde todos os pobos europeos acharán un lugar lexítimo e digno. Até o de agora temos evitado facer unha proposta concreta no que atinxe á cuestión europea. Mais se presentásemos a idea dunha solución confederada, baseada na libre cooperación entre nacións independentes, ela consolidaría a confianza dos pobos europeos na nosa política e aumentaría a súa vontade de seguir o noso guieiro e traballar pola nosa vitoria”.

Convén dicilo con toda claridade: a Unión Europea actual xa fora albiscada, en formulacións económicas e políticas, polo nazismo hitleriano

Xulguen vostedes estas palabras do xerarca nazi e vexan se se adecúan ou non, no grao mesmo que vostedes consideren, á realidade actual da (nosa) Unión Europea. Dunha Unión Europea na que Alemaña (“poder xeo-económico”) manda en Europa con “decisións descarnadas e impositivas” (José Mujica); dunha Unión Europea —quen fala agora é o catedrático de Estudos Europeos na Universidade de Oxford, Timothy Garton Ash— na que Alemaña ocupa claramente o asento do “condutor”. Ou como ben di o recoñecido sociólogo inglés Anthony Giddens (e púxoo por escrito), “Alemaña semella ter atinxido hoxe por medios pacíficos o que non puido acadar a través da conquista militar: a dominación de Europa”. 

¿E que opinan de todo isto os propios alemáns? Están confusos e divididos. Mais xa se comeza a falar, no plano económico, da “cuestión alemá”, e mesmo hai voces hoxe que lembran o concepto de “Mitteleuropa” na súa acepción máis política: unha Unión Europea dominada e explotada por Alemaña. E non amentemos xa —ou si, amentémola— a visión que ofrece o historiador da Universidade de Bonn, Dominik Geppert —autor dun libro titulado “Unha Europa que non existe”—, que chega a identificar “Maastricht” en relación cunha Alemaña futura co que significou o Tratado de Versalles e os acontecementos que seguiron a el.

Atrás fica aquel Hegel, filósofo racista (“o negro é un home en bruto”), que afirma que “Alemaña, Francia e Dinamarca son o corazón de Europa” e que “o Espírito xermánico é o Espírito do Novo Mundo, cuxa fin é a realización da verdade absoluta”. Mais eu lembro agora tamén aquela portada do semanario Der Spiegel, na cal podíamos ver a Angela Merkel, nunha espléndida fotomontaxe, rodeada de xerarcas nazis na Acrópole de Atenas. E todo iso mentres o 70% da poboación alemá (son datos do instituto de estudos de opinión Infratest Dimap) está “contenta” coa súa xefa de Goberno, co seu ministro de Finanzas e co seu ministro de Asuntos Exteriores. Como se dicía no antigo galego, “tomemos coidado”. Porque “a historia non se repite, pero rima” (Mark Twain).

Comentarios