Opinión

Grecia, Grecia

Como ben di o Premio Nobel de Economía Paul Krugman

Como ben di o Premio Nobel de Economía Paul Krugman, os acredores que mantiveron en todo momento o seu rexeitamento ás propostas do Goberno grego para lle facer fronte á débeda teimaron dende sempre e seguen a teimar agora de xeito obsesivo en “ditarlles a política interior”. ¿Mais quen son en realidade eses acredores, eses fiadores, eses impetradores? Nesta mistura entre gran casino e manicomio no que se ten convertido a nada democrática Unión Europea, os acredores son os grupos organizados de especuladores financeiros que, cos seus correspondentes ventrílocuos e argallantes (banqueiros diversos, FMI, BCE e Comisión Europea), acaban por dominar economicamente (enténdase tamén aquí “gobernar”) a Europa toda e boa parte do estranxeiro —digámolo así—, cando non o planeta —aí entran tamén os EE UU— no seu conxunto. ¿Acaso non estamos —como afirma sen pelos na lingua o filósofo alemán Jürgen Habermas— diante dun “goberno dos banqueiros”? Xulguen vostedes. Porque, no caso do país heleno, a Comisión da Verdade sobre a Débeda Pública de Grecia (un comité internacional que leva a cabo unha auditoría do pago que os voitres financeiros reclaman) di ben claro que a débeda grega é “ilegal, ilexítima e odiosa”, e engade mesmo que Grecia foi e segue a ser vítima dun ataque premeditado e organizado polo FMI, o BCE e a CE, sendo a súa misión “violenta, ilegal e inmoral”.

O terrorismo financeiro contra Grecia —Alemaña polo medio como agresivo “galo de curral”— está servido

¿Acaso as políticas que teiman en ditar os voitres do diñeiro non infrinxen de xeito directo e absoluto os dereitos humanos —e xa non dicimos políticos, porque resulta máis que evidente— dos cidadáns gregos? Tal vez conviría lembrarmos aquí, por exemplo, fronte á prepotencia do que algúns denominan o IV Reich —termo este cuñado xa a partir dos anos 60 do século pasado—, que o economista francés Jacques Depla, asesor que foi de Nicolas Sarkozy, ten denunciado a débeda impagada da Alemaña nazi con Grecia, que el cifra en 575.000 millóns de euros. ¿Ou acaso non lembra o capitalismo corporativo alemán, e a súa ventrílocua Merkel, que a ocupación brutal de Grecia polo exército nazi (velaí o masacre de Dístomo) provocou que 300.000 persoas morreran directamente de fame? A fraxilidade da memoria, como dicían os nosos avós, “manda chover na Habana”.

Porque para moitos europeos demócratas, cada vez máis en número e en valor moral, a débeda grega —acaba tamén de afirmalo o pensador estadounidense Noam Chomsky— debe ser condonada, como o foi a de Alemaña no ano 1954. E afirma o máis importante dos pensadores contemporáneos (New York Times dixit) que Grecia está sendo destruída, e que unha grande parte da débeda grega de hoxe provén das ditaduras fascistas gregas que no seu día apoiaron, non sen fervor, os EE UU. Como dicíamos antes, vivimos nun híbrido social procedente do “cruce” entre o casino e o manicomio, ambos os dous programados e dirixidos pola Gran Desmemoria e a Gran Vergoña, e por iso o propio Habermas acaba falando do “escándalo dentro do escándalo” que significa a obcecación coa que o Goberno alemán percibe o seu papel de liderado, porque —engade finalmente o vello profesor— “Alemaña debe o impulso inicial para o seu despegue económico, do que aínda se alimenta hoxe, á xenerosidade das nacións acredoras que no Tratado de Londres de 1954 condonaron a metade das súas débedas”. Mais hoxe, verán ardente de 2015, o terrorismo financeiro contra Grecia —Alemaña polo medio como agresivo “galo de curral”— está servido.

Comentarios