Opinión

Alcaldes franquistas

Dicía non hai moito o filósofo Emilio Lledó, lembrando a Aristóteles, que o verdadeiro eixo da política debería radicar nunha concepción do “servizo público” entendido como unha “tarefa para homes decentes”.

Dicía non hai moito o filósofo Emilio Lledó, lembrando a Aristóteles, que o verdadeiro eixo da política debería radicar nunha concepción do “servizo público” entendido como unha “tarefa para homes decentes”. E engadía o autor de “Memoria de la ética” que, pola contra, arestora, e en casos moi evidentes, a política está en mans do contrario, e que esa falta de virtude se exhibe con poder: “Lo que debería ser la política se ha transformado en estupidez y chulería nauseabunda”. ¿Non acontece así, de xeito ben patético, por exemplo, no caso de Esperanza Aguirre? Mais todo, no que atinxe a isto, pode superarse. Nas recentes eleccións municipais o alcalde de Beade (Ourense), Senén Pousa, acaba de obter o apoio do 78,13 % dos votantes; o de Taboadela (Ourense), Manuel Gallego Vila, obtivo tamén unha folgada maioría absoluta, e o mesmo aconteceu co alcalde de Baralla (Lugo), Manuel González Capón

O alcalde de Beade (PP), membro da Fundación Francisco Franco, celebrou durante anos unha misa en honor ao ditador fascista, publicou esquelas dedicadas a Primo de Rivera e no seu teléfono móbil soa no ton de chamada a melodía do “Cara al sol”. O alcalde de Taboadela (PP), que leva en política dende o ano 1968, non dubida en afirmar que a “democracia actual tampouco é a panacea”, e, finalmente, o alcalde de Baralla (PP) foi aquel —lembrarano vostedes— que dixo que os condenados a morte durante o franquismo sería “que lo merecían” (é dicir, xustificou os crimes fascistas), e é o mesmo que non dubida en saudar os veciños, crego de uniforme incluído, brazo en alto. ¿Por que o Partido Popular permitiu antes e permite agora que existan entre as súas filas, xa non militantes senón alcaldes franquistas, defensores ou encubridores dun réxime fascista e sanguinario? ¿Sería isto posíbel na Alemaña ou en Italia: alcaldes hitlerianos ou alcaldes mussolinianos? 

 ¿Por que o Partido Popular permitiu antes e permite agora que existan entre as súas filas, xa non militantes senón alcaldes franquistas, defensores ou encubridores dun réxime fascista e sanguinario?

O filósofo francés Bruce Bégout publicou un libro titulado “Sobre a decencia común” (2008) e ben se pode tirar da súa lectura, como reflexión final da mesma, que a sociedade (a “common decency”) debería ser inflexíbel e mesmo intransixente coa indecencia. Porque —sen ánimo ningún de ofensa ou aldraxe— un podería preguntarse no caso que nos ocupa se son decentes os votantes dos alcaldes franquistas do PP ou mesmo se practica a decencia e a ética política un Partido que admite entre os seus candidatos e alcaldes a recoñecidos franquistas.  Eu recomendaríalles, se mo permiten, a lectura doutro libro, neste caso “A sociedade decente”, do filósofo palestiniano Avishai Margalit, no cal se propón actuar sobre a conciencia dos individuos, da sociedade, para acadarmos que a vida pública sexa paradigma de igualdade e de liberdade, e non de despotismo, nostalxias fascistas e, en definitiva, indecencia política. Xa no seu día o Financial Times acusou ao PP de non romper vínculos coa Ditadura e aínda se lembra hoxe no Parlamento Europeo (2006) o día en que todos os parlamentarios, agás os do PP e dous polacos de extrema dereita, condenaron o franquismo. Mais xa o dixo non hai moito tempo, con toda a claridade do mundo, ese gran demócrata que responde polo nome de Jaime Mayor Oreja: “Por qué voy a tener que condenar yo el franquismo? (...) Era una situación de extraordinaria placidez”. Xa ven vostedes. E, mentres, a pesar dos requirimentos da ONU, o Goberno do PP en Madrid olla para outro lado cando se trata de dilucidar, por exemplo, a desaparición forzada de máis de 114.000 persoas e 30.000 nenos roubados durante a Guerra Civil e a Ditadura. 

¿E que experimenta un ou que conclusión se obtén diante de todo isto, alcaldes franquistas entre nós, aquí e agora, incluídos? Pois ten un que acudir a Umberto Eco cando ensaia a definición dun certo “fascismo eterno”, recoñecido por algunhas características ben presentes na sociedade actual: rexeitamento ao avance do saber, irracionalismo, criminalización da cultura, medo á diferenza, racismo, frustración individual ou social, xenofobia, elitismo aristocrático, machismo, sacrificio individual para o beneficio da causa, populismo difundido pola televisión e “neo-lingua” con léxico pobre e sintaxe elemental. Como Albert Camus, eu estou convencido de que hai algo que facer —algo que facermos— contra a Peste.

Comentarios