Opinión

Os afogados de Europa

Cando perden a súa vida afogadas no mar, só nunha semana, ás portas de Europa, máis de 1.000 persoas, existe sen dúbida un grave problema que ten que ver directamente coa violación dos Dereitos Humanos.

Cando perden a súa vida afogadas no mar, só nunha semana, ás portas de Europa, máis de 1.000 persoas, existe sen dúbida un grave problema que ten que ver directamente coa violación dos Dereitos Humanos. En quince anos —din algunhas crónicas— faleceron no mar, teimando en chegar a Europa, máis de 30.000 persoas, e non se entende como a denominada Comisión Europea non intervén diante de tal flagrante vulneración de dereitos humanos, pois existe unha Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (CDFUE) que protexe o “dereito á igualdade”, regulamentado en varias das súas Directivas, como a 2000/43/CE do Consello, do 29 de xuño do 2000, relativa á aplicación do principio de igualdade de trato das persoas independentemente da súa orixe racial ou étnica. ¿E, se os afogados fosen alemáns ou franceses, acontecería o que acontece, sendo como son, neste caso, practicamente todos eles negros e subsaharianos? ¿Non existe en Europa tecnoloxía suficiente para detectar a chegada de inmigrantes e refuxiados ás súas costas —cada vez máis en número estes últimos— e, de xeito inmediato, programar e levar a cabo o seu auxilio? Si, existe un informe da Comisión Europea contra o Racismo e a Xenofobia —un departamento independente da UE— que denuncia que os “axustes” en materia económica, social, educativa e de saúde están a alimentar o racismo e a intolerancia contra os inmigrantes e as minorías étnicas. E pouco máis. O resto é silencio, ou, como diría Manuel María, o resto é “soedá”.

¿E, se os afogados fosen alemáns ou franceses, acontecería o que acontece, sendo como son, neste caso, practicamente todos eles negros e subsaharianos?

¿Lémbranse vostedes dos 15 inmigrantes mortos en augas de Ceuta tiroteados con “balas de goma”, “botes de fume” e “cartuchos de fogueo” pola Garda Civil española? Womsi Desire, un inmigrante/refuxiado camerunés, dicía, treméndolle a fala: “Estou ferido. A Garda Civil disparoume pelotas de goma na cabeza”. ¿E se os nadadores fosen brancos e ricos, tería actuado así a dirección da Benemérita? Despois de contemplar os centos de féretros dos afogados de Lampedusa, Cecilia Malmström, comisaria de Interior na Comisión Europea, dixo que “deberíamos velar por que os refuxiados máis vulnerábeis, como os nenos, os anciáns e as persoas doentes, poidan acceder de forma segura á UE”. Divinas palabras.

O certo é que Europa —os datos están extraídos de The Migrants Files— leva xa gastado coa política de expulsións e repatriacións arredor de 11.300 millóns de euros dende o ano 2000, e o control das fronteiras para evitar a entrada de inmigrantes e refuxiados supera os 1.600 millóns de gasto, cargado todo iso, evidentemente, aos contribuíntes dos países que forman parte da Unión Europea. E máis datos. O mantemento das “vallas” de Ceuta e Melilla ascende a 10 millóns de euros anuais dende o ano 2005, segundo ten recoñecido o Goberno do PP en sede parlamentar, sendo que os gastos en Ceuta atinxiron un total de 25 millóns, entre 2005 e 2013, e os de Melilla superaron mesmo os 47 millóns. E non falemos agora dos millóns de euros destinados a armamento, embarcacións, patrulleiras, cámaras térmicas e outros trebellos destinados á “loita contra a inmigración”. Mais investiguen vostedes canto gasta Europa, por exemplo, en “cooperación territorial”. ¿Existen na UE verdadeiros proxectos —cooperación ao desenvolvemento— para axudar a mellorar as condicións de vida nos países de onde procede a inmigración? ¿Pódese permitir que exista no século XXI “tráfico de seres humanos” e unha nova forma de “escravitude”? 

No ano 1988 —era polo mes de novembro— apareceron os dous primeiros cadáveres, dos que se teña constancia, no Estreito de Xibraltar, na costa gaditana de Tarifa. A día de hoxe van máis de 30.000

No ano 1988 —era polo mes de novembro— apareceron os dous primeiros cadáveres, dos que se teña constancia, no Estreito de Xibraltar, na costa gaditana de Tarifa. A día de hoxe van máis de 30.000.  O número é impreciso. Moitos dos inmigrantes afogados nunca aparecen. As autoridades —di o portavoz da Asociación Pro Dereitos Humanos de Andalucía, Rafael Lara— só contan os cadáveres rescatados. Cando desapareceron afogados no Mediterráneo, perto da illa de Sicilia, 400 inmigrantes, a ONG Human Rights Watch denunciou unha “intolerábel pasividade” por parte da Unión Europea. O monstro humano está aquí, entre nós. Nas Institucións. Nos Gobernos. Nos Centros de Decisión Económica. Estamos aínda en pleno proceso de hominización e de humanización. Ou como apuntaba Konrad Lorenz: “O elo entre o mono e o home somos nós”. É dicir: a náusea.

Comentarios