Opinión

Sobre o xacobismo da esquerda

O sábado pasado Francisco Rodríguez publicou neste xornal un excelente artigo sobre a deriva xacobina da esquerda española actualmente no poder. Non podo máis que concordar co que el di, máis gostaría de afondar un pouco nese tema. Non é que a esquerda, e española moi especialmente, sexa xacobina senón que o é desde súas orixes. Como e ben sabido, en política úsanse varias metáforas para distinguir as forzas políticas. Son usadas comunmente metáforas cromáticas (vermellos, verdes, pardos, brancos, colorados...), temporais (progresista, conservador, reaccionario) ou espaciais (arriba-abaixo ou esquerda-centro-dereita) para identificar as distintas forzas, e se ben non cobren todos os matices, seguen a ser válidas.

O conceito de esquerda está asociado á revolución francesa, pois así se denominaban os contrarios ao antigo réxime, entre eles os que despois darían orixe ao movemento xacobino, pois sentaban á esquerda da presidencia nos Estados Xerais, que deron orixe á Revolución Francesa. Isto é, esquerda e xacobinos estiveron emparentados xa desde o inicio. Un dos principios que os inspiraban era o do igualitarismo e o uniformismo extremo, pero tanto no económico como no idiomático, ao impor o francés como única lingua a unha populación que maioritariamente non o falaba (lembremos aquela célebre frase de que o fanatismo fala vasco e a superstición fala bretón) e no político, coa centralización do país e coa eliminación dos parlamentos dos vellos reinos ou mesmo no da homoxeneización dos pesos e das medidas para evitar particularismos (de aí vén o metro, o quilo e o litro que acabaron coas medidas tradicionais). Esta deriva uniformista perviviu nos seus sucesores, os liberais, a esquerda española de comezos do século XIX, quen continuaron estas políticas uniformizadoras. Lembremos que as verdadeiras dereitas españolas, carlistas e tradicionalistas foron inimigas desta centralización e loitaron por defender os foros e os dereitos dos territorios. Despois derivarían nos partidos nacionalistas modernos como o vasco e os cataláns.

Máis adiante as esquerdas marxistas, emparentadas indirectamente coas anteriores, herdaron tamén a inquina contra as nacións e as diferencias lingüísticas e culturais. O proletario non ten patria, dicían. As verbas de Engels, por exemplo, contra determinadas nacionalidades europeas son moi duras e destilan desprezo polas formas de vida tradicionais, contrarias ao progreso que ían traer as esquerdas. Entre os marxistas só Lenin, con grande oposición por certo, e os austromarxistas amosan sensibilidade sobre a cuestión nacional. O tratamento que o nacionalismo galego recibiu das esquerdas españolas no proceso de ratificación do Estatuto xa o narrou ben Castelao no Sempre en Galiza.

No caso da esquerda española actual non pasa nada que non pasase antes, simplesmente a súa prioridade non é a cuestión nacional senón outras, antes económicas e agora de carácter identitario ou ambiental, con todo o dereito do mundo. O que aconteceu aquí, a diferenza doutras zonas de Europa é que ao coincidir tanto nacionalistas como as esquerdas na loita antifranquista forxouse certa alianza instrumental que pervive aínda por estratexias electorais e de formación de gobernos, pero en cuestións como as relativas a pandemia pode verse de forma clara a súa lóxica centralista. As forzas da esquerda e as nacionalistas poden coincidir en proxectos comúns pero desde sempre son de difícil conciliación no plano ideolóxico e sempre ha predominar no discurso unha das dúas.

Comentarios