Opinión

A vinganza da reforma laboral

Os vellos administrativistas gostaban de falar da vinganza das provincias. Os proxectos de reforma ou supresión das deputacións ou doutras institucións sucedíanse uns tras outro. Cada novo goberno entraba con propostas ben de acabar con elas ben de racionalizalas, e non só non o conseguía, senón que estas saían cada vez máis reforzadas (algo semellante aconteceu tamén coa Garda Civil). Pois ben parece que a reforma laboral vai seguir polo mesmo camiño.

Implantada no ano 2012 no medio da anterior crise económica polo goberno do PP, espertou desde sempre unha clara animadversión da esquerda. Para eles precarizaba o emprego e facilitaba a chamada desvalorización interna, ademais de reducir a influencia sindical na determinación das políticas salariais. Non é de estrañar que todos os partidos de esquerda prometesen derrogala cando chegasen ao poder.

Ese momento chegou hai case dous anos. Tras a moción de censura que colocou a Pedro Sánchez de presidente do goberno todos pensabamos que unha das primeiras medidas a adoptar sería a do cambio na lexislación laboral para voltala a antes da reforma de Zapatero de 2010. Mais a reforma reducía velozmente as taxas de desemprego e criaba milleiros de posto de traballo, rapidamente vendidos como éxitos seus polo novo presidente, e o entusiasmo por derrogala minguou e non se fixeron cambios na normativa.

Coa recente investidura co apoio das forzas de esquerda e rupturistas parece que o momento chegara por fin. Se ben foi feito algún pequeno cambio pola nova ministra, esta reforma non parecía unha prioridade, salvo a mudanza dalgúns aspectos, algo que xa parecía asumido por todos. Mais o pacto das tres forzas da pasada cuarta feira deulle o golpe final a calquera tentativa de reforma. A proba está nas medidas de desvío, como a renda mínima ou a apertura da liga de fútbol e nas afirmacións por parte do presidente de que a lei laboral non ía mudar nos seus aspectos esenciais.

Ademais agora tal reforma é case unha cuestión de honra por parte dos actores contrarios ao seu cambio, a patronal e a parte máis poderosa do executivo e os actores de esquerda parecen influír ben pouco nel. A reforma é agora non só unha cuestión de política pública senón que acadou un valor simbólico moi grande para eles e ceder implicaría unha ruptura no goberno. E polo visto até o momento as esquerdas non foron quen de impor seu criterio en ningún aspecto substancial do seu programa. Até a renda mínima non vai ser o que eles agardaban e vai ser capitalizada polo ministerio de Seguranza Social e pola Presidencia. E de conseguir algún logro non vai ser neste tema.

En política, até onde sei, quen ten o poder fai e non di. Se os partidarios de reforma tivesen algún control sobre as decisións do executivo en vez dunha nota de desmentido, esa mesma noite sairía un decreto de reforma. Alén da reforma intúo que este fracasado intento amosa a pouca capacidade de influír nas decisións políticas substanciais que ten a esquerda rupturista española. Aínda vai ter razón a vella sentenza do camarada Mao sobre os tigres de papel, só que nesta vez non aplicada aos imperialistas.

Comentarios