Opinión

Vacinas e Unión Europea

Que os británicos fixeron ben en marchar da Unión Europea era cousa vista, e que os escoceses non deberan formular a súa independencia con vistas a volver entrar nela sería cousa de senso común se queren acadala. Que o das vacinas adquiridas a nivel europeo non era unha cousa tan boa como se dicía tamén era ben sabido polo lectores destas páxinas pois Francisco Rodríguez nun artigo e Néstor Rego no Parlamento español, entre outros, xa o advertiron dabondo. E que a chamada Big Pharma non é precisamente o sector máis exemplar do capitalismo tamén era ben sabido. Non quero polo tanto abondar nisto, senón no feito do fracaso unha vez máis dos sistemas centralizados de compra e máis se son aínda a unha escala maior ca do Estado español.

En principio todo parecía estar ben. Unha gran potencia económica adquire para os seus cidadáns millóns de vacinas a un prezo supostamente acaído, garantindo ao tempo certa prioridade no uso das mesmas, o cal nestes momentos é algo absolutamente vital. Cada día que pasa son varios milleiros de mortos no espazo europeo e decenas de miles de enfermos coa súa saúde afectada, algúns deles con danos crónicos que empeoran a súa calidade de vida a longo prazo. E tamén danos económicos enormes con milleiros de desempregados, destrución de empresas e custos enormes en termos de débeda pública. Comparar as vacinas pronto e a case calquera prezo sería barato de acordo con calquera destes parámetros. Mais o problema é que se se fai unha mala negociación os afectados non son só uns poucos senón todos os cidadáns da Unión, e estes son varios centos de millóns. Ao final unha negociación centralizada a fan poucas persoas, e por moi eurócratas que sexan poden ter erros, e se os teñen o prexuízo é inmenso e para moitos. 

Iso foi o que pasou. Negociaron mal e negociaron tarde. Non sei a que é debido pero a burocracia de Bruxelas non parece ser unha máquina moi áxil e solicitaron vacinas até tres meses máis tarde que os británicos. Non só iso pois retrasaron a aprobación dos medicamentos moito máis tarde que noutros países e aínda lle protestaban a unha farmacéutica por non ter posto en prazo as doses dun tratamento aínda non aprobado. Se sabían que ía ser aprobado por que non o fixeron antes? E se non sabían, non poden sancionar a farmacéutica por non producir algo que non tiña autorización, pois que pasaría se as desenvolven e logo non as autorizan? O propio contrato parece mal redactado, ou polo menos de forma ambigua, o que pode dar lugar a novos retrasos. Países máis pequenos e máis áxiles como Israel, Emiratos ou o Canadá foron que de atender as súas poboacións, como é seu deber, evitando sufrimentos indebidos. E non só isto, os planificadores da UE esqueceron moitas das leccións fracasadas dos vellos sistemas de planificación central, como é o de que non basta con fabricar o medicamento, senón tamén o de que hai que desenvolver en paralelo as industrias complementarias e os sistemas loxísticos de acompañamento. Pódense fabricar os millóns de doses pero hai ao tempo que desenvolver, por exemplo, unha industria de xiringas especiais, o que non é tan fácil a grande escala e logo distribuílas axeitadamente. Tampouco parece que era necesario unha loxística de frío a moi baixas temperaturas que ao principio non parecía funcionar moi ben. Todo isto estou seguro de que se tería desenvolto mellor a unha escala política máis pequena, como amosa que son pequenos países os que o están a facer mellor. Unha vez máis a lóxica da centralización amosa non só a súa incompetencia senón que os danos que causa poden ser enormes, e neste caso son en vidas.

Comentarios