Opinión

Unión Europea e intervencionismo enerxético

A verdade é que non saio do meu asombro ao ler as declaracións de destacados membros do Consello e a Comisión Europea. Ás veces criticamos aos nosos políticos pola súa incompetencia ou pouca cualificación, pero parece que os dirixentes da Unión Europea foron escollidos ben por descarte ben de tal forma que ganasen os que amosasen en grado sumo a súa incapacidade. Non sei que criterio de selección seguirán agora, antes escollían entre primeiros ministros de países pequenos para non romper equilibrios, pero con experiencia política e certa capacidade. Os que temos parecen ser meros mandados dos que realmente dirixen a UE, pero podían buscalos máis competentes. A clase política galega, de todos os partidos, é ben mellor que estes cultos tecnócratas que dirixen as nosas principais políticas. E dígoo a serio. Se os poderes de excepción que están a pedir no marco europeo son xustificados na súa maior pericia ou coñecemento mellor é que vaiamos saíndo canto antes de tan burocrática aberración. Antes aínda pensaba que nos querían enganar, mais agora penso que non, que son así e que acreditan no que din.

A semana pasada, por exemplo, tras varias reunións decidiron restrinxir os visados aos cidadáns rusos para entrar na UE ao tempo que decidían estabelecer un prezo máximo ao petróleo procedente de Rusia e discutir a mesma medida para o prezo do gas importado de alí. Por suposto tamén foi aprobado un novo pacote de axuda militar aos ucraínos. En principio, con independencia do que se pense das sancións (eu son contrario a elas) parecen medidas coherentes dentro do marco de tentar estrangular a economía rusa, dificultar a vida aos seus cidadáns e apoiar militarmente ao bando que a UE decidiu tomar. Até aquí todo máis ou menos lóxico. Pero despois leo na prensa que os dirixentes comunitarios entraron en cólera cando o goberno ruso decidiu restrinxir temporalmente o envío de gas, e logo acusárono de chantaxista e dixeron que non era un fornecedor digno de confianza. Ademais, protestan porque Putin prefira queimar o gas que vendérnolo. A ver se o entendo, sancionas a outro país -con razón ou sen ela sería outro debate- e logo queres que che venda o petróleo e o gas máis barato que no mercado, e cun subministro constante e fiábel, aínda por riba. Nunca tal vin. Supoño que cando os rusos decidan non vendernos a eses prezos ou venderllo a outros países para que eles nolo vendan a nós con sobreprezo protestarán tamén. Parecen nenos pequenos que queren xogar á guerra pero sen asumir as consecuencias ou sen explicarlle a poboación que estas medidas teñen consecuencias.

Tampouco teñen desperdicio as propostas de política enerxética que queren implantar dende Bruxelas para rematar coa suba dos prezos da electricidade e o gas. A mellor sería dende logo levantar as sancións e reiniciar o comercio con Rusia, pero dado que isto é impensábel, propoñen unha serie de medidas para intervir os mercados. Propoñen basicamente topar o prezo das enerxías inframarxinais para que sexan vendidas ao seu custo, isto é, impedir que o prezo das renovábeis sexa vendido máis alá dun tope. Lembremos que o actual esquema de fixación de prezos está pensado para remunerar moi por enriba do custo de produción as renovábeis, para desta forma incentivar a súa implantación. De aí, da eólica e a solar, veñen os grandes beneficios que as eléctricas están a obter e do que este xornal informou. Por un lado pónselle tope ao prezo, pero por outro tamén propoñen seguir a subvencionalas con primas e axudas que irán en parte ás tarifas. Pero inframarxinais son tamén o carbón e a nuclear, que verán topado seu prezo mentres se lle manteñen ou soben os dereitos de emisión que desincentivan o seu uso. Todo moi racional como se pode ver na nosa UE.

Comentarios