Opinión

Trump e as eleccións nos USA

A primeira terza feira despois da primeira segunda feira de novembro desenvólvense como é habitual as eleccións para escoller o presidente dos Estados Unidos de América. En principio debería ser unha elección máis, pero desde os medios de comunicación do noso país preséntase máis como se fose unha elección interna no noso Estado que como unha que acontece noutro.

Dígoo porque parece que estamos a valorar aos candidatos pola súa personalidade ou polas súas propostas de política no ámbito interno daquel país. Discutimos se o candidato ten tal ou cal carácter ou mellores ou peores formas de comportarse, como se a nós nos correspondese a elección, e máis reclamamos alí o que non somos quen de facer  acá.

Debatemos as súas políticas económicas ou sanitarias como se fosen propias e vemos que a maior parte da opinión publicada ao respecto toma partido, case sempre contra un dos candidatos. Isto non estaría mal se fixésemos esta análise en todos os procesos electorais do mundo, algo que nin de lonxe se realiza, nin parece preocuparnos estas cuestións en moitos outros Estados (polo menos no que a maioría dos medios se refire). Poderíanos ser respostado que os USA son unha nación imperial e que, por tanto, todo o que alí acontece ten unha repercusión moi grande no resto do mundo e moi especialmente en nós, que somos socios preferentes de tal potencia.

Entón, por lóxica, o normal sería que nos fixásemos  especialmente en como a elección dun ou doutro candidato pode afectar á nosa política interna ou como pode afectar ao resto do mundo. É máis, eu como antiimperialista radical que son afirmaría que o realmente relevante é como vai deseñar súa postura no que as relacións exteriores se refire.

Trump, por exemplo, é acusado ás veces de isolacionista polos seus críticos como se isto fose unha grande eiva, cando non fai máis que recoller unha vella tradición moi presente na dereita americana de non inmiscuírse nos asuntos doutros países e que foi desbotada no seu momento pola influencia dos chamados neocons, quen, por certo, o odian por esta mesma causa e quen pediron agora e hai catro anos o voto para os demócratas. En efecto, Trump, sen ser Gandhi ou Lanza del Vasto, a pesar da súa retórica belicosa non só non iniciou ningunha guerra nova, senón que retirou tropas de moitos territorios, o que lle valeu moitas críticas, incluso de medios progresistas. Ademais, no seu conflito con Irán a súa resposta foi moi moderada para os usos habituais do imperio. Pactou cos talibáns afganos unha saída negociada da guerra e dialogou incluso co presidente de Corea do Norte.

É máis, resistiu as presións para intervir militarmente en Venezuela ou Nicaragua, algo impensábel fai só vinte anos. O isolacionismo de Trump non é tanto comercial como político e podería iniciar o proceso dunha lenta retirada dos Estados Unidos da súa tradicional política imperial. Algo que moitos globalistas e imperialistas lamentan, e de aí moitos dos problemas que tivo incluso cos seus servizos de intelixencia.

Pola contra, Biden parece máis aceptábel a nivel interno dos USA. É menos estridente e o seu discurso social e político parece máis próximo ao que aquí se estila, diso non cabe ningunha dúbida. Pero no que se refire a política exterior o seu historial é moito peor e todo apunta a que de gañar volvería ás vellas prácticas imperiais do Nobel Obama. Intervención e golpe na Ucraína contra os prorrusos (de aí veñen os problemas de corrupción do seu fillo), intervención en Siria, desmembramento de Libia, golpe en Exipto etc.

A pregunta é: entre dous males, cal é o que un antiimperialista galego debería escoller?

Comentarios