Opinión

Trump e a campaña na sombra

A revista norteamericana Time informa no seu último número dunha campaña na sombra para garantir a non reelección do presidente Trump. Trataríase dunha campaña moi sofisticada que incluiría desde grupos de esquerda e extrema esquerda, sindicatos e patronais (normalmente confrontados) e as grandes plataformas de comunicación na rede. Nada novo baixo o sol. Calquera que se moleste en estudar fraudes e manipulacións electorais sabe que estes son bastante comúns, incluso nos Estados Unidos, que contan cun longo historial de manipulacións, desde a elección de Kennedy, que contou co apoio decisivo da maquinaria do partido demócrata, a célebre Tammany Hall, á elección de Obama nas primarias, que segundo contan foi “axudada” co carrexo de votantes en autobuses fretados polos seus aliados do partido en Illinois -onde fixo carreira o antigo presidente (o seu antigo xefe creo lembrar que estivo ou está preso por corrupción ou algo semellante), pasando pola elección de Geoge Bush no ano 2000. Tampouco son os únicos, pois a fraude e a manipulación electoral é algo que foi e segue a ser moi frecuente en moitos países do mundo, aínda que non se dá neles no mesmo momento, pois nalgúns sitios é antes do proceso electoral (adoita ser a máis eficaz a día de hoxe), durante ou despois do mesmo. Incluso hai unha disciplina dentro das ciencias políticas, a Herestética, dedicada a estudar a nobre e vella arte da manipulación das preferencias e opcións de voto.

Pero como dixen non hai nada novo nisto, e cando se describe unha campaña ou fraude deste tipo a miña curiosidade profesional lévame a ver que trampas usaron para tal fin e se hai algún tipo de innovación na técnica. Tamén para comprobar se se ten rexistrado o seu uso na nosa terra, que desde tempos antigos ten amosado moita imaxinación e capacidade de innovación nesta materia, pois como bo galeguista gústame saber da forma en que se fai a política nacional. O profesor Baldomero Cores reuniu exhaustivamente moitas destas técnicas, centrándose nos tempos de restauración, nun libriño hoxe esquecido, O libro negro da Galicia electora, que vén ser un magnífico expoñente da pericia dos caciques galegos á hora de gañar votacións.

Lendo o relato dos feitos vemos que non innovan en nada substancial que non se saiba facer aquí. Vemos que no fondo trátase dun carrexo de votos, iso si, 4.0, a grande escala (cando falamos tecnicamente é mellor dicir activación ou mobilización do voto e ao acto de pedir o voto polas casas canvassing). Usouse moito o voto por correo, incorporando segundo parece o voto de mortos aínda non apuntados no rexistro e de persoas que aínda non contaban con dereito de cidadanía. Nada que un dos vellos “punteiros” galegos na Arxentina non soubese facer e sen tanto rebumbio. Os mortos galegos sempre foron famosos en tempos pola súa lealdade aos principios da representación democrática e foron moitas veces votar, e sempre acertaron ao gañador. Usouse tamén mensaxes selectivas (targeting na nosa xiria) a electores presumibelmente afíns ou dubidosos. A novidade está no uso da intelixencia artificial e o Big Data que redirixa as mensaxes das redes ao branco potencial usando ao tempo a colaboración das grandes tecnolóxicas do filtrado de mensaxes do rival, cualificados como fake news e bloqueados nos servidores. A novidade está na tecnoloxía derivada do uso das redes e nos pacotes informáticos, pero calquera alcalde galego dos de antes sabía perfectamente quen eran os nosos, quen eran os deles e quen estaban enfadados e podían mudar o voto e a eles dirixían as peticións. Faise o de antes pero con tecnoloxías modernas.

O que é novo é a desvergoña con que o proclaman. Os nosos caciques podían ser tramposos pero nunca os ouvín dicir que o facían para salvar a democracia nen chufarse en público do que facían. Mal imos con estas novas elites tan tecnolóxicas.

Comentarios