Opinión

Transición enerxética e guerra

O escritor John Ralston Saul publicou hai tempo un libro, titulado na súa edición castelán Los bastardos de Voltaire no que eran expostas numerosas irracionalidades cometidas en nome da razón e o deseño. O coidadoso deseño dunha batalla na primeira guerra mundial, por pór un exemplo, era desfeito simplemente porque o día da confrontación chovera e vehículos blindados non puideron operar no lameiro no que se converteu o escenario do combate. A consecuencia foi a morte de milleiros de soldados e o fracaso da estratexia. Exemplos de planos ambiciosos e detallados coma este poden atoparse por centos na historia, sexa na guerra, na política ou na economía, dende a planificación dunha sociedade socialista ao deseño de cidades ideais tipo Brasilia. Todos eles fracasaron dunha forma ou outra.

Un destes planos que moi presumibelmente ha fracasar é o da transición enerxética, polo menos na forma en que este se expresa nos ambiciosos proxectos europeos detallados na famosa axenda 20/30. Esta pretende criar unha Europa libre de emisións de carbono e cambiar por completo o noso mix enerxético nun período breve de tempo, tendo incluso determinados tanto os prazos como as medidas que se han tomar a tal fin. A arrogancia do proxecto é moi grande pois, como nos lembra un dos grandes expertos contemporáneos en enerxías, o profesor Vaclav Smil, toda a infraestrutura asociada a produción e distribución dos hidrocarburos constitúe a obra conxunta máis grande xamais realizada polo ser humano. E preténdese que sexa substituída nuns poucos decenios mantendo case intacto o nivel de vida das nosas poboacións. 

Como todos os proxectos antes citados bastou cun evento imprevisto, neste caso unha guerra na Europa, para desbaratar todas expectativas. A alza imprevista do gas e o petróleo puxo en cuestión o deseño do futuro enerxético e non só se detivo o proceso de cambio senón que nalgúns casos volveuse atrás, recuperando combustíbeis como o denigrado carbón. No caso da agora chamada illa ibérica pódese constatar nitidamente este fenómeno. Seica van subvencionar o gas e recortar as subvencións as renovábeis, obviamente sen dicilo así pero esa vai ser a consecuencia, e é todo o contrario do que se pretendía nun principio cando falabamos de descarbonizar.

Desligar o prezo do gas do resto das fontes enerxéticas a hora de fixar os prezos da electricidade é, ao meu ver, unha excelente medida, pero que terá a consecuencia de remunerar menos os prezo das enerxías antes chamadas verdes. Se antes estas eran remuneradas a prezo do gas o beneficio para as eléctricas que investiran nelas era moi elevado. Agora vai selo bastante menos e, polo tanto, supoño que perderán boa parte do interese nela. Lembremos que o tan con razón difamado esquema marxinalista estaba pensado para incentivar as empresas do sector a facer investimentos verdes ao remunerar unha enerxía con baixos costes de produción a prezos das máis caras e era unha das partes fundamentais do esquema de transición ecolóxica. Moitas empresas investiran no sector atraídas por esa prima de beneficio e supoño que agora non estarán moi de acordo.

Por outra banda, o prezo do gas vai ser limitado, pero todo parece, e aquí está a trampa, as gasísticas serán compensadas con incrementos na factura do consumidor. Isto a todos os efectos é unha subvención ao seu consumo, polo que o gas pasa a ser máis e non menos atractivo, polo que presumibelmente tenderá a ser máis usado que agora. Como se ve, unha boa medida, pero moi pouco acorde co que se pretendía. Parece que o quecemento climático pode agardar un pouco, o que amosa que para os nosos gobernantes non é tan prioritario como dicían. Moito me temo que a transición vai ter que agardar, e tamén que todos os documentos e plans vainos levar o vento.

Comentarios