Opinión

Topar os prezos

As esquerdas españolas están satisfeitas cos límites ao prezo do gas usado na xeración de enerxía eléctrica. Unha das súas representantes, a ministra Ione Belarra, chegou a dicir que fora o principal logro desta lexislatura para o actual goberno. Tamén a ministra socialista Teresa Ribera afirmou que toda Europa estaba a ollar para as medidas adoptadas na illa ibérica. Non é de estrañar que gosten, pois é o tipo de medidas que implantaran no seu tempo os pais das esquerdas modernas, os xacobinos, quen afrontando tamén unha situación de inflación, causada pola emisión masiva de asignados, decidiron topar os prezos co famoso decreto de máximos. Os resultados foron os esperados para calquera medida deste tipo, o desabastecemento das tendas, sen por iso eliminar a inflación. Ao contrario, agravárona, pois comezaron a aparecer mercados negros que subiron aínda máis os prezos. Se a medida de topar prezos funcionase sería unha marabilla pois poderiamos desfrutar de todo tipo de bens a prezos case regalados. Bastaría con que o goberno fixase prezos baixos, e xa estaría. Mais se non se usa é porque as consecuencias adoitan ser peores. Incluso Putin o entendeu así, e para afrontar a previsíbel inflación derivada da caída do valor do rublo decidiu implantar a única medida que funciona, a de endurecer a creación da masa monetaria ligando o rublo ao ouro. O Putin aínda ha resultar un liberal clásico. Polo menos as políticas económicas da súa banqueira central, Elvira Nabiullina, están a ser moi festexadas en medios desta corrente. E afrontarán a derrota cunha divisa sa.

Pero o topado do prezo do gas non vai nin pode funcionar, como non funciona a medio prazo ningún control de prezos, como lle aconteceu aos xacobinos e a moitos outros políticos que pensaran ter atopado a solución aos problemas da inflación. Unha cousa razoábel é desligar o prezo do gas do prezo final da enerxía eléctrica, facendo que entre na factura só a parte que a este lle corresponde do prezo, como se facía antes, e outra moi distinta é fixarlle un prezo máximo a ollo dos gobernantes como se pretende coa medida. Primeiro porque dado que a esencia do sistema marxinalista non muda coa medida, a fixación dun prezo moi baixo implicaría que non sería o gas o que marcase o prezo máximo senón outra enerxía producida a un prezo máis elevado. Neste xornal indicouse que en moitas ocasións foi a enerxía hidroeléctrica a última en entrar e a prezos máis altos cos do gas. De ser así de pouco valería o límite do gas pois as enerxías renovábeis están exentas do tope. E en segundo lugar porque o tope aos prezos vai ter que ser compensado na tarifa. Se o prezo do gas non se compensase as empresas terían que compralo a perda e por tanto non farían uso del, co risco de apagamentos ou desabastecemento. Por conseguinte vai ter que ser repercutido nas tarifas dos consumidores, iso si, como unha compra a prazos repartido e diferido no tempo.

Estabelecerase un déficit de tarifa do gas, avalado polo estado español, que supoño volverá a ser titulizado polas eléctricas como xa se fixo, e o consumidor aboarao en cómodos prazos mensuais durante lustros. Mentres, ficaremos moi contentos de ter resolto o problema e agradecidos ao noso goberno. O que deberiamos de preguntarnos e por que os países máis desenvoltos e con maior capacidade fiscal non fan uso de tan "intelixente" medida e deixan os pobres países ibéricos coas súas ocurrencias. Será porque pensan que non temos remedio, e sorpréndeme que ningunha das forzas nacionalistas o cuestione e busque solucións distintas das promovidas polo goberno español, buscando parecerse máis as medidas europeas. Moito me temo que o marco mental hispánico é moito máis partillado do que parece, polo menos no que a estes temas se refire.

Comentarios