Opinión

Suba de xuros

Fálase moito da suba dos tipos polo Banco Central Europeo, e rara vez se fai de forma positiva. Case sempre nos medios resáltanse os aspectos negativos que para determinados colectivos pode supor a medida, como os hipotecados que no seu momento optaron polas taxas a tipo variábel fronte as máis caras pero máis seguras a tipo fixo ou os que ven o seu crédito restrinxido, especialmente os gobernos que terán que endebedarse menos ou a tipos máis elevados. Entre eles están tamén, aínda que menos destacados, os grandes fondos de investimento que braman ao serlles recortadas as fontes de financiamento barato. Rara vez, pola contra, se fala de que os aforradores van ver mellorados os rendementos dos seus aforros ou reducidas a medio prazo as comisións que pagan por manter contas, rematando coa sistemática perda de valor dos depósitos que levou a moitos a buscar investimentos para tentar conservar o valor do que aforraron. Penso, por exemplo, en moitos emigrantes que traballaron toda unha vida para poder volver á terra e que viron pulverizados boa parte dos seus aforros. Cada quen falará da feira segundo lle vaia, pero é a única medida realista que se pode tomar se se quere reducir a suba de prezos que nos está a afogar (salvo que se propoña pegar o euro a outra divisa máis estábel ou ao ouro), porque a suba de tipos está deseñada para reducir o diñeiro en circulación e aparcar boa parte del en depósitos no Banco Central. Tamén para reducir o crédito e moderar a presión sobre os prezos de bens como a vivenda.

Pero tamén ten outro obxectivo, que é o de frear a continua devaluación do euro a respecto doutras moedas, sobre todo co dólar americano, que é a divisa na que se fan as compras. Cando escribo isto o petróleo (non o gas) está ben máis barato en termos nominais, xa non digamos en termos reais, que antes do comezo da guerra de Ucraína, pero isto non se reflicte en que os prezos dos carburantes, con ou sen desconto do goberno, caeran até os niveis de febreiro. Seguen a estar moi caros en euros. Parte do problema pode deberse a cuestións de refino, lembremos que fecharon moitas refinerías polo previsíbel abandono dos hidrocarburos a medio prazo, ou da guerra, en especial do diésel, que en Europa proven das refinerías rusas. Pero outra parte só pode ser explicada polo deterioro do euro, que xa cotiza por debaixo do dólar, e dado que adquirimos a maior parte dos nosos insumos en dólares, o que estamos a facer é importar inflación dende fóra. Os americanos están a subir os tipos a maior velocidade que a nosa e, polo tanto, o valor da súa moeda sobe, dado que os capitais estanse a refuxiar alí pola maior remuneración. Buscan adquirir dólares e desfacerse dos euros, baixando o seu valor. A suba dos tipos é unha medicina amarga que pode ter efectos secundarios, pero medicina a fin e ao cabo. Chegou tarde, pois estas medidas convén tomalas canto antes para frear o mal antes de que agrave.

Pero o conto é que a dose sexa ben administrada e temo que non o vai ser. Xa teño criticado a incoherencia e falta de solvencia dos xestores europeos e, agora, co medo de alterar a solvencia das economías do sur e evitar o que os técnicos chaman fragmentación, están a facer políticas que se anulan mutuamente. Por un lado o Banco Central está a vender divisa de boa calidade, alemá e holandesa, para tentar subir os xuros e á súa vez está comprando divisa de países máis insolventes do sur para evitar que as primas de risco destes estoupen. Aparte de anularse o que están a conseguir é que as reservas do BCE sexan cada vez de peor calidade. De seguir así, tarde ou cedo os especuladores faránolo saber e temo que de forma ben pouco grata. Entón, a crise non vai ser duns poucos países senón de todos. E non haberá quen queira ou poida axudar. Eis os logros da nosa casta europea.

Comentarios