sábado 04.04.2020

Sobre o feche total

Leo nalgúns medios madrileños a petición dun feche total da actividade para tentar cortar a pandemia. Xa no seu momento optamos por imitar os chineses continentais (os insulares moito máis eficaces e menos intrusivas non) e implantar medidas de confinamento que se contan entre as máis duras do mundo e que están por probar aínda a súa eficacia, da cal en principio non dubido. Pero moitos políticos do mundo parecen competir a ver quen é máis duro, identificando maior dureza e concentración de poderes cunha maior eficacia, algo que tamén está por probar.

O último que escoitei foi a da conxelación total da economía española para frear de raíz a crise, algo que nen China fixo, pois só fechou totalmente unha parte do seu país, permanecendo o resto activo. Pero é que ademais o feche total dun país como o noso é imposíbel por varias razóns. A primeira é que non se pode fechar por completo un país, no mellor dos casos só pode facerse parcialmente, debido a que non pode facerse sen mermar a propia eficacia dos seus sistemas sanitarios.

Moitos comentaristas pensan que una economía pode fecharse selectivamente, deixando en funcionamento uns sectores ou outros segundo conveña e isto é moi difícil pois están case todos eles moi imbricados. Non podes ter bos servizos médicos sen electricidade ou liñas de conexión telefónica para comunicar as alertas. Tamén se require de medios de transporte, repostos e combustíbel para movelos e telos sempre dispoñíbeis. Os medicamentos precisan dunha industria química e farmacéutica en bo estado de funcionamento para poder fornecelos en tempo e forma adecuados, ou cando menos boas conexións de loxística para traelos de onde os haxa. Precísase alimento para o persoal sanitario, auga corrente e produtos de limpeza.

En segundo lugar, nunha situación de feche total, onde nos confinemos a nós mesmos, de onde íamos sacar os alimentos para subsistir? Isto é, tería que haber un mínimo de produción de alimentos e algún mecanismo eficaz de transporte e distribución dos mesmos. Moitos dos comentaristas non deben saber que as vacas deben ser muxidas a diario e que as colleitas da estación deben ser recollidas en prazo baixo risco de perdelas, ou o peixe debe ser conservado nalgún sitio. E non creo que estean os tempos como para tirar alimentos.

Ademais, supoño que os confinados quererán electricidade, auga e telefonía no seu confinamento. Todas estas actividades requiren do concurso de centenares de miles de persoas para producilas ou servilas. Se nos fechamos e nosos veciños tamén, quen se supón se encargaría de fornecer todo isto? Un feche total derrubaría a economía por completo e non habería nen sequera recursos con que pagar nada disto.

E, en terceiro lugar, non hai ningunha garantía de que extremar a dureza nos confinamentos fixese algo por rematar co problema en menor tempo. Nen sequera con medidas de extrema dureza se pode garantir un prazo e isto tensaría moito a populación. Xa vimos o que aconteceu nas tendas só cun confinamento limitado e por quince días. Un máis duro e sen data desestabilizaría por completo a sociedade.

Sobre o feche total
comentarios