Opinión

Salario mínimo galego

Estase a discutir moito nestes días pola cuestión do salario mínimo. Un informe do Banco de España advirte das consecuencias negativas que tiveron as pasadas e alerta dos posíbeis custos que podería ten un incremento nestas circunstancias. Pola contra, un informe dos expertos do Ministerio de traballo recomenda a súa suba polos benéficos efectos que podería ter sobre o consumo. Eu estou máis próximo ás teses do Banco de España e gostaría que Galiza fose un país avanzado, como Austria, Suíza ou os países nórdicos que non dispoñen dun salario mínimo a nivel estatal, e aínda así gozan de moi elevados salarios. E non gosto porque vai contra os máis indefensos, especialmente mozos e inmigrantes, pois expúlsaos en gran medida do mercado laboral e tamén contra a pequena empresa en favor da grande, eliminando a esta última a posibilidade de competir en moitos sectores nos que terían vantaxes, e forzando a migración a moitos dos seus naturais. Tamén prexudica as comunidades con peor nivel de vida fronte as máis prósperas e ten bastante que ver cos datos de desemprego que exhibe a presidenta de Madrid e moito que ver cos datos de desemprego nas comunidades máis pobres do estado.

Visto isto gostaríame saber as para min estrañas razóns de que o nacionalismo galego nunca tivese un salario mínimo a nivel galego sen ter que depender do español da mesma forma en que reclama, ao meu ver con acerto, unha tarifa eléctrica galega. Entendo que no caso de que se decidise establecer un salario mínimo tería moita máis lóxica que este fose de acordo coas necesidades do noso país e non das grandes empresas de Madrid ou Cataluña. Pode ser unha postura pragmática, por entender que así o salario mínimo podería ser algo maior que o que teríamos nunha Galiza soberana, pero dende logo moi nacionalista non parece, nin sequera autonomista.

Imaxinemos que a nosa querida Unión Europea estabelece un salario mínimo a nivel de toda Europa, como queren algúns grupos de poder nos países máis ricos, para evitar claro está competencia dos máis pobres (hai xa tempo que comprendín que moitas das chamadas melloras sociais ou ambientais teñen trampa e van contra os máis desfavorecidos, mais se pensan que isto que digo son delirios dun paleoliberal coma min, lean a teórica marxista Theda Skocpol e o seu libro sobre as orixes do estado do benestar nos USA). Imaxinemos que este é fixado cunha contía monetaria fixa, por exemplo, a da Francia, en vez dun indicador relativo como é un porcentaxe a respecto do salario medio, que é o que se pretende. Que pasaría se os traballadores búlgaros ou romenos tivesen que cobrar o salario mínimo francés? Adiviñan ben, quedaría a maior parte deles desempregados. Só aqueles que produciran por riba do valor dese salario atoparían emprego e dada a deficiente capitalización deses países serían moi poucos. Así cunha simple sinatura expúlsase a industrias enteiras do mercado e as empresas máis capitalizadas quedan sen competencia. Agora extrapolemos o que acabamos de expor ao caso español. O salario mínimo hispano está fixado de acordo cas necesidades do gran capital hispano e opera a nivel interno coa mesma lóxica con que o faría de aplicarse o europeo.

Certo é que nestes momentos o salario mínimo hispano non afecta en demasía a Galiza, dada a relativa converxencia coa media estatal, pero aínda que non o faga xa é momento de que os gobernos españois deixen liberdade ao pobo galego para fixar seus propios salarios e condicións laborais.

Comentarios