Opinión

Salario mínimo europeo, ruína do pobo galego

A nova Comisión Europea quere regalarnos unha harmonización do salario mínimo a nivel europeo, de tal forma que chegue ao 60% do salario medio de cada Estado e isto, como é habitual,non espertou oposición entre ningunha das forzas políticas galegas. Así, o salario mínimo español colocaríase máis ou menos como o salario mínimo alemán actual (o noso salario mínimo son 14 pagas, non 12 e hai que sumarlle a cota empresarial da seguridade social).

Lembro a un profesor meu que dicía que en economía as noticias que son presentadas como boas adoitan ser malas e as que pintan malas normalmente revélanse como positivas a medio prazo. Algo disto hai nesta nova. O salario mínimo é unha política que é xustificada na necesidade de protexer os sectores mais febles do aparello produtivo e non quero dubidar desta intención. Pero tamén hai que dicir que seus efectos reais non son exactamente eses, senón que en moitas ocasións ten efectos non buscados, ou mellor dito, efectos buscados non precisamente por eses sectores máis febles, senón por sectores ben poderosos do ámbito económico.

O salario mínimo favorece as multinacionais que poden pagar salarios máis altos da competencia das pequenas empresas. Non é de estrañar, por exemplo, que un líder patronal da gran hostalaría defendese no seu momento estas subas, que lle eliminarían a competencia dos pequenos espazos hostaleiros. Este tipo de medidas favorece tamén as empresas dos espazos máis desenvoltos da competencia dos países máis pobres da UE cuxa principal vantaxe competitiva son os custos. De aí que nin os sectores agrarios dos países máis ricos nin as industrias non só non protesten, senón que defendan tan marabilloso avance social, e que a Comisión Europea que moitas veces actúa no seu nome, os apoie. No discurso clásico do nacionalismo galego a UE era a voz do gran capital. Non o é neste caso tamén, ou voltouse de repente amigábel cos territorios como o noso? É unha forma de eliminarlles os rivais aos seus representados e quedar ben diante dos aínda por riba. E non só as patronais, as grandes centrais sindicais dos países ricos elimínanlles aos seus traballadores a competencia da man de obra barata dos países periféricos e sen oír un chío. O salario mínimo tal como esta configurado ten ademais outro efecto potencialmente daniño, e de maior relevancia para nós, que consiste en que este se establece de forma homoxénea en todo o territorio do Estado sen ter en conta a súa capacidade produtiva, a súa estrutura de capital ou a cualificación da súa forza de traballo, polo que causa efectos moi distintos nuns territorios que noutros. De aí que a pesar da existencia dun único marco laboral, as diferenzas de taxas de desemprego entre as distintas comunidades autónomas entre si sexan superiores ás que existen entre España e Alemaña. Non acredito nas políticas de fixación estatal de salarios, pois prefiro o modelo sueco, austríaco ou danés no que non existe tal figura, pero de existir entendo que o discurso político do galeguismo debería incorporar a reclamación dun marco salarial galego adaptado ás nosas circunstancias e deixar de depender das normas que dende Madrid se ditan ao respecto.

Comentarios