Opinión

Retroceso ruso en Ucraína?

Din as crónicas da guerra en Ucraína que os exércitos rusos están a perder grandes porcións do territorio que conquistaran nos primeiros días do conflito. Independentemente da dose de propaganda que puidese haber, que algunha pode haber, de mellor calidade que a rusa (estas cousas o capital fainas sempre mellor), para esta ser efectiva precisa dalgún grao de veracidade e parece que algo se está a torcer na ofensiva rusa. Isto non implica que a guerra rematase nin que o exército ruso con novas levas de mozos ou con novo armamento non poida recuperar o terreo perdido estes días. Isto é, non é imposíbel que os rusos rematen ganando militarmente a guerra. Mais o dano para eles xa está feito e xa podemos dicir que nos ámbitos non militares, o económico, o político e o cultural, xa a teñen perdido, e aquí vai ser moi difícil, por non dicir imposíbel, darlle a volta.

O primeiro a destacar é que os rusos non son ningunha superpotencia, nin sequera no militar. Esta guerra non é a típica guerra asimétrica na que un gran poder confronta a unha guerrilla de orixe popular que defende seu pobo dunha agresión. Neste caso a guerra non se decide pola vitoria militar, senón polos custos políticos e económicos que a resistencia é capaz de impor ao agresor e que lle forza a abandonar o terreo. Foi o caso da guerra do Vietnam, que forzou polos seus custos económicos a que os USA abandonasen o patrón ouro no medio dunha gran contestación na potencia imperial, ou as recentes invasións do Afganistán por soviéticos e norteamericanos (co apoio doutros países occidentais). Simplemente non podían afrontar os custos da guerra, nin en vidas nin en diñeiro. A guerra de Ucraína é unha guerra con estados maiores e o armamento convencional nunha guerra clásica con blindados, artillaría e aviación por ambas partes. Se os rusos non son quen de derrotar un dos países máis pobres e atrasados de Europa usando o mellor do seu exército, pouco medo lle van dar non só aos países occidentais senón ás potencias inimigas que ten Rusia. Estas verán non só a impotencia dos rusos, senón que estes teñen os seus arsenais desprovistos e o mellor das súas tropas mortas, feridas ou prisioneiras. Polo tanto entenden que os rusos xa non son quen de librar dúas guerras externas á vez e que, polo tanto, teñen a súa capacidade de intervención seriamente limitada. Os primeiros en velo foron os azerís, que aproveitaron esta debilidade para atacar Armenia, a gran protexida de Rusia, mentres os turcos fregan as mans. Moito temo que Rusia non sexa quen de garantir a orde non só no seu espazo de influencia senón incluso no seu propio territorio, cheo de conflitos potenciais, sobre todo no Cáucaso. O que si probabelmente veremos son cambios de alianzas e reaxustes de poder, agardemos incruentos, en países fronteirizos. Todo por querer exhibir unha forza militar que non tiñan, destruíndo a súa principal baza, que era a incerteza sobre o seu potencial bélico.

Pero sobre todo perde un dos seus principais activos xeopolíticos, que era a capacidade de liderar cos chineses unha alternativa a actual orde mundial. Nos tempos do chamado poder brando perder a capacidade de influencia é case tan letal como a perda de poder militar, e os rusos están a amosar unha grande incompetencia, pois o que se pode ollar non é tanto unha falta de valor ou moral senón fallas moi grandes en loxística e tecnoloxía militar, derivadas do seu atraso económico e da corrupción das súas organizacións estatais. Sumado a que a China non está a pasar bos momentos no económico, coa súa burbulla inmobiliaria, o seu estancamento e o propio reforzamento da NATO grazas a invasión, non parece que vaian ser moitos os que queiran seguir o modelo ruso ou chinés para apartarse do modelo imperante. Polo visto en Samarkanda parece que máis ben a China e a India Rusia élles neste momento máis unha molestia ca un aliado e isto creo que debe ser tomado en conta nas análises dunha nova orde mundial.

Comentarios